REVISTA ABRIL

Luis Zahera e Jota (Los Planetas), protagonistas do Festival de Cans e Play-Doc

O Play-Doc, Festival Internacional de Cinema de Tui, que celebra a súa 19 edición e terá lugar do 26 de abril ao 1 de maio, presenta un adianto da súa programación na que o cinema e música se dan a man, esta vez co novo proxecto de Jota de Los Planetas. Pola outra banda, o Festival de Cans, que celebra a súa víxésima edición nesta aldea de O Porriño entre o 16 e o 20 de maio, acordou outorgar nesta edición o seu Premio Pedigree de Honra ao actor santiagués Luis Zahera.

Jota no Play-Doc

Jota, cantante, guitarra e compositor de Los Planetas, presentará en directo no festival o espectáculo Plena Pausa onde musicaliza pezas seleccionadas do arquivo inédito de Iván Zulueta, o mítico director de ArrebatoO concerto, que terá lugar o 29 de abril en Tui dentro da programación do festival, está inspirado en materiais inéditos, filmados en Super-8 polo cineasta e rescatados pola Filmoteca Española, cos que Jota crea unha serie de temas musicais que, combinados, constitúen unha obra audiovisual xenuína.

O músico granadino mergullouse na filmografía rodada por Zulueta entre os sesenta e os setenta, que non se limita á aínda transgresora Arrebato (1980) senón que profunda en espontáneas filmacións en Super-8. Este arquivo estivo gardado nun almacén tras a morte do cineasta, dez anos despois, a Filmoteca adquiriuno para a súa conservación. Cando comezan a tratalo e dixitalizalo, aparecen 80 títulos máis, desde películas persoais nas que se ve á súa familia ata imaxes moito máis experimentais, un material histórico dun dos grandes autores do cinema español a pesar da súa curta traxectoria. As entradas xa están á venda desde 26€.

REVISTA ABRIL
Jota con Los Planetas no Atlantic Fest en 2022 | P. Vázquez

Luis Zahera, Pedigree de Honra en Cans

Luis Zahera é un dos actores máis relevantes de Galicia nas dúas últimas décadas, e acaba de obter o seu segundo Premio Goya pola súa gran interpretación en As bestas, filme dirixido por Rodrígo Sorogoyen. A organización do certame quere recoñecer a  gran traxectoria como intéprete de Luis Zahera,  tanto en series de televisión como en mais de 35 longametraxes. Ten traballado ás ordes de grandes directores como Fernando León de Aranoa, Daniel Monzón,  Alejandro Amenábar, Daniel Calparsoro ou Rodrigo Sorogoyen. Este último dirixiuno nas dúas películas coas que obtivo senllos Premios Goya ao Mellor Actor Secundario: El reino e As bestas. Ademáis destas dúas grandes interpretacións tamén hai que destacar o seu papel como Malamadre no filme Celda 211.

Actor  versátil,  Zahera  ten  transitado  coas  súas  personaxes  desde  o  cómico  ata  o tráxico, e tense forxado como actor no mundo da curtametraxe. Participou en máis de vinte, e o propio Festival de Cans foi importante na súa traxectoria, ao recoller dous premios ó Mellor actor, nos anos 2008 e 2012.  Asíduo  do certame  desde  as  primeiras  edicións, Zahera recollerá o galardón o venres 19 de maio e deixará as súas pegadas no Torreiro das Estrelas, á beira de anteriores homenaxeados como a cineasta Margarita Ledo, Jorge Coira ou o actor Luis Tosar. Ademais, o festival decidiu conceder os Chimpíns de Prata da edición 2023 a actriz Melania Cruz, ao crítico de cine Ángel Suanzes e a veciña de Cans María Jesús Sánchez “Mari da Carreira”. Xa están á venda dous packs (de mañá e tarde) que inclúen o acceso á programación do festival, unha camiseta, unha chapa e un catálogo.

Luis Zahera | Cedida