PLASTIKA 19, un certame de arte vigués con proxección internacional
Ata o 11 de xaneiro no Museo do Mar exporanse as trinta obras finalistas do Certame PLASTIKA 19. O día da clausura farase público o fallo do xurado.
Na súa terceira edición, o Certame Internacional de Arte Plástika móstrase no Museo do Mar de Galicia, nova e inmellorable ubicación que dá indicios da consolidación que este concurso está a acadar.
O certame impúlsano Sara Pérez Bello e Álvaro Rodríguez, que xestionan a sala Apo´strophe ubicada na Plaza Elíptica. Dende alí promoven todo tipo de exposicións e manifestacións culturais creando redes entre artistas, institucións e espazos creativos coa intención de achegarse a tódolos públicos.
Para a selección dos candidatos ao premio, os organizadores contan cun xurado plural e independente formado por Carlos L. Bernárdez, Elena Bangueses, Paula Cabaleiro, Thomas Apostolou e Xulio Lago. Todos eles profesionais de prestixio no entorno da arte. A transparencia e rigurosidade tanto na selección dos candidatos como na decisión final dos gañadores é unha máxima para os organizadores.
O día 11 de xaneiro, no acto de clausura da mostra darase a coñecer o gañador e dous accésits. O premio é una exposición individual na sala Apo´strophe.
Este concurso está a medrar e percíbese no número de candidatos e nos países de procedencia deles, que este ano se incrementaron de maneira apreciable. Dos cento cincuenta candidatos desta edición, procedentes de diversos países, seleccionáronse trinta. Entre eles, doce galegos, dos que cinco son de Vigo. Suecia, México e Portugal tamén están presentes, así como outras zonas de España.
As temáticas das obras ou mesmo as disciplinas artísticas son variadas. Escultura, pintura, fotografía, videoinstalación, gravado, conforman unha selección moi interesante na que por suposto os artistas vigueses teñen moito que dicir: Alberto Ardid, Alfons Freire, Rebeca Lar, Ana Miguélez e Javier Pena fan as sus propostas desde campos moi distintos.
Alberto Ardid presenta unha videoinstalación titulada “Non tocar” na que un proxector dirixese con frases escritas ao espectador coa intención de xerar unha resposta pola súa parte. A análise a través do humor, o xogo e a sorpresa forman parte desta obra .
Alfons Freire en “Esperando la llegada de los bárbaros”, unha imaxe elaborada dixitalmente, ábrenos a ventá a un mundo surrealista.
Con “…raramente familiar”, Rebeca Lar envíanos mensaxes sobre unhas teas colgadas. O texto e o tecido son material e concepto no seu traballo.
Ana Miguélez nun delicado debuxo fala do significado dos obxectos e sobre o despoboamento das contornas rurais. O título da obra é “Morremos nós 3”.
Javier Pena, co seu “CUBO 3” presenta un acrílico sobre tea no que a xeometría e o xogo óptico son os protagonistas.
Sara Pérez Bello, impulsora deste evento, destaca a calidade artística de tódalas pezas participantes e indícanos que ela mesma, como todos os espectadores e participantes, coñecerá o gañador o día 11 de xaneiro.
Mentres, poderemos visitar a mostra no Museo do Mar e ir facendo as nosas apostas.
Elena Álvarez
Últimos posts de Elena Álvarez (ver todos)
- ‘Afinidades selectivas’, Goethe, Chomski e oito artistas falan na Casa Galega da Cultura - 8 Febreiro, 2020
- O MARCO redescubre a Manuel Colmeiro - 25 Xaneiro, 2020
- Alberto Ardid, gañador do certame Plastika19 - 14 Xaneiro, 2020
- PLASTIKA 19, un certame de arte vigués con proxección internacional - 4 Xaneiro, 2020