A cociñar: Pizza á galega
Este mes cociñamos con Cocina con Ce e O Muíño de Cuíña unha pizza galega ao cen por cento elaborada con grelos, lacón e tetilla. Como sempre traemos un sorteo dun lote de fariñas do Muíño de Cuíña e o pack ‘Meiga’ de Rei Zentolo; podedes participar a través da nosa conta de Instagram.
A base de fariña triga forma un leito para a parella formada polo sabor afumado do lacón coa frescura amarga dos grelos, aos que se lles une a suavidade do queixo de tetilla para formar un exquisito triángulo amoroso de sabores. Un matrimonio á galega sobre unha base italiana.
Ingredientes
- Aceite de oliva virxe extra
- Auga morna (150 mililitros)
- Cebola grande (1 unidade)
- Fariña de trigo O Muíño de Cuíña (250 gramos)
- Grelos (200 gramos)
- Lacón (100 gramos)
- Lévedo fresco (5 gramos)
- Queixo de tetilla (150 gramos)
- Sal (5 gramos)
- Salsa de tomate
Elaboración
Mesturamos a fariña co sal nunha cunca e noutra pequena mesturamos o lévedo coa auga morna. Facemos un oco no medio da fariña xa salgada e vertemos a auga co lévedo, amasámolo todo e deixamos repousar a mestura uns vinte minutos. Mentres quentamos o forno a 220 °C, preparamos os ingredientes da pizza. Lavamos e cortamos en anaquiños os grelos, dourámolos canda a cebola picada nunha tixola ata que se poñen tenros e, á parte, cortamos o lacón en talladas finas. Poñemos a masa sobre unha bandexa para enfornar, engraxada previamente ou sobre papel de forno. Estendemos sobre a base formada coa masa primeiro a salsa de tomate e deseguido os grelos e a cebola, asegurándonos de cubrir toda a superficie de xeito uniforme. Colocamos o lacón sobre os grelos e, por último, botamos por riba o queixo de tetilla, cortado en anacos ou relado. Enfornamos durante uns 15 ou 20 minutos ou ata vermos a masa dourada e o queixo fundido. Servímola nunha bandexa e está lista para degustar. Como suxestión de maridaxe, propoñemos un viño mencía, unha cervexa lager ou unha auga con gas de calquera das boas marcas galegas.
O Muíño de Cuíña
En Lalín, con data de 1918, sitúase o muíño construído por Eladio Cuíña Taboada, reformado e ampliado en dúas ocasións posteriores, no que se elaboran de maneira artesanal e tradicional fariñas selectas de Galicia: de trigo, de millo, de centeo ou de espelta, ademais de lévedo seco; que coa nova xerencia chegan ata Francia . A marca vende para particulares e empresas de todo o país, a través do seu sitio web ou de grandes superficies como Eroski, coa garantía dun obradoiro centenario.
omuiñodecuiña.es | @elmolinodelabuelo1918
Sorteo:
Sorteamos un lote de fariñas de O Muíño de Cuíña e produtos da colección ‘Meiga’ de Rei Zentolo.
Para participar no sorteo tes que entrar na nosa conta de Instagram premer gústame na publicación da receita e comentar con quen compartirías esta deliciosa pizza. E tamén ser seguidor de @amovidavigo, @cocina_con_ce, @elmolinodelabuelo1918 e @reizentolo_oficial. O luns 1 de abril ao mediodía anunciaremos a persoa gañadora.