CAMELIAS MASCOTAS

Picasso ou Magritte chegan ao Marco gracias á Colección Telefónica

A partir deste xoves 16 de maio, o MARCO acolle a exposición Destacados. Colección Telefónica, nas salas da planta baixa. A mostra, que poderá visitarse ata o 15 de setembro, reúne as pezas máis icónicas e representativas da Colección Telefónica, xunto a unha selección de obras procedentes de Coleccións Municipais. (Fotos: Pablo V.)

Destacados. Colección Telefónica comprende unha selección de pintura, escultura e obra en papel das pezas máis significativas e icónicas da colección, non só polo estilo artístico que representan, senón tamén pola importancia e a transcendencia dos seus autores. As máis de 130 pezas reunidas para esta ocasión no MARCO, sen seguir un estrito percorrido cronolóxico, permiten trazar unha breve panorámica dalgúns dos capítulos máis interesantes da historia da arte do século XX.

Ademais, como valor engadido da mostra en Vigo, xunto ás obras da Colección Telefónica, a exposición permite establecer vínculos e diálogos con creadores galegos renovadores, que deron paso á modernidade en Galicia, a través dunha selección de obras procedentes de Coleccións de Museos do Concello de Vigo como a Fundación Laxeiro ou o Quiñones de León. Nesta sección atoparemos a artistas como Castelao, Manuel Colmeiro, Isaac Díaz Pardo, Tino Grandío, Mario F. Granell, Laxeiro, Gloria de Llano, Urbano Lugrís, Carlos Maside, Luis Seoane, Arturo Souto ou Manuel Torres.

REVISTA NOVEMBRO

A mostra divídese en tres ámbitos diferenciados: “Ecos das vangardas”, “O signo e a forma” e “Cara a outros camiños”. A primeira representa, a través dunha selección de obras adquiridas nas últimas décadas, algúns dos movementos máis importantes das vangardas de principios do século XX: dende o cubismo de Juan Gris, ou Louis Marcoussis, á obra de Luis Fernández, o surrealismo de René Magritte e Paul Delvaux, pasando pola desbordante creatividade de Pablo Picasso, con catro obras de distintas técnicas e etapas.

No caso da segunda, o visitante mergullarase de xeito monográfico na obra de tres grandes da arte española máis internacional e que se fixeron eco deste estilo complexo e diverso denominado informalismo que se estenderá por Europa e Estados Unidos, e no que a materia, o xesto, a ausencia de forma ou o abstracto xerará numerosas e interesantes variantes: Tàpies, Chillida e Saura.

Por último, o terceiro ámbito inclúe unha selección de obras que viron a luz a partir da creación dunha importante revista de pensamento, tecnoloxía e sociedade (a revista Telos) que aínda hoxe edita Fundación Telefónica. Máis de corenta artistas de diferentes xeracións, e con estilos e linguaxes totalmente diferentes, pasaron polas páxinas da revista Telos, chegando a crear un interesante fondo de máis de 400 obras. Exhíbense series de Eduardo Arroyo, Soledad Sevilla, Menchu Lamas, Guillermo Pérez Villalta, entre outros.