MUCHACHAS, a colección de Marta Portela inspirada en El Circo de los Muchachos
MUCHACHAS é o nome da última colección da deseñadora tomiñesa Marta Portela, inspirada por El Circo de los Muchachos de Benposta (Ourense). Poderemos ver a exposición de fotografías, obra de Arancha Brandón, a partir deste sábado 9 en La Galeríajazz.
El Circo de los Muchachos foi a primeira experiencia de escola de circo en España, fundado polo pai Jesús Silva Méndez na década de 1960 en Benposta, Ourense. Desta peculiar iniciativa toma a inspiración a deseñadora Marta Portela para a súa nova colección MUCHACHAS, que poderemos visitar do 9 de febreiro ata o 9 de abril na Galeríajazz. “Coñecín o Circo fai tres anos grazas a miña amiga e fotógrafa arbricias (Arancha Brandón) ao dicirlle que estaba deseñando unha nova colección”, comenta Marta. Unha homenaxe persoal a esta “acción social que axudou a nenos e nenas sen recursos en Galicia”.
As mulleres retratadas pola cámara de Arancha semellan títeres, algo que Marta tivo claro desde o principio: “Nesta nova colección emprego as cordas de forma máis discreta que na anterior (Beyond Shibari), en sitios máis estratéxicos. Estamos ante mulleres-títere que xa non están oprimidas, senón fortalecidas. As cordas lles recordan por que son fortes”. Ademais, con estes traxes busca “facer unha reinterpretación feminina dos roles do espectáculo, dado que estes colectivos tenden a ser masculinos”.
Ademais de conceptualmente, as mulleres tamén son as protagonistas deste proceso a nivel creativo e artístico: Marta encargouse do deseño das prendas, Cris Puertas e Laura Villanueva de posar con elas, Arancha da fotografía e Claudia Silva da maquillaxe. “Se algo tiña claro era que as persoas que me acompañaban en MUCHACHAS tamén tiñan que identificarse co proxecto. Cando me descuidei xa tiña un equipo coas miñas propias ‘muchachas’ creado”, puntualiza Portela.
Aínda que bota en falta máis axudas e apoios no sector da moda, Marta sinala que “están a xurdir ideas moi innovadoras e moi boas entre os emprendedores vigueses. Iniciativas como Oui Jane ou Co-club poden chegar moi lonxe e poden xerar un impacto positivo tanto no mundo téxtil como no social”.
Sobre os seus plans de futuro máis aló de MUCHACHAS, Marta ten en mente “crear unha marca eco-friendly, con tecidos reciclables, tintes orgánicos e cunha produción controlada”, coa que axudar a organizacións ecoloxistas e santuarios de animais. En definitiva, “concienciar aos clientes, que saiban que mercando productos destas características están axudando ao medio e á vida”.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024