Petit de la Crème: captura o momento
Sería unha mágoa que, tras organizar unha velada perfecta na compaña dos seres máis queridos, non quedasen fotos ou vídeos para rememorar a semana no futuro. E non, as stories do Instagram non contan. Coa tripla de fotografía, vídeo e deseño, Petit de la Crème é unha firma de artesanía en imaxe que vai conseguir inmortalizar o gran día.
En 2005 Alberto Brandón e Yhonatan Andura inician na Guarda Petit de Crème, unha empresa dedicada ao deseño e fotografía para vodas. Nuria Villa incorpórase como fotógrafa en 2013, un ano antes de que inclúan tamén a opción de vídeo da man de Arancha Brandón. Con este plantel de luxo, estes artesáns ofrecen unha cobertura visual total de calquera tipo de voda, sempre imprimindo o seu estilo personal.
Tres lustros dan para moito, e os Petites non deixaron de perfeccionar un estilo elegante, moderno, dinámico, orixinal e espontáneo. “Nestes anos vivimos bastantes cambios: o paso da fotografía clásica a unha máis desenfadada, o boom das vodas personalizadas coas iniciais xigantes dos noivos e letreiros… Na actualidade notamos máis sobriedade neste aspecto. A xente busca casar en sitios bonitos que non precisen engadir demasiada decoración”, analiza a fotógrafa. En resumo, “menos cousas pero de máis calidade”.
Esa naturalidade na ornamentación tamén se busca nas imaxes, algo no que os guardeses son expertos. Nuria asegura que a xente que se considera pouco fotoxénica ou que sente pavor ante unha cámara é a súa especialidade: “Esa xente está acostumada a que sempre lle digan ‘veña, sorrí!’.Nós facémoslles fotos sen que se decaten, case de maneira improvisada, buscando a maior naturalidade”. Así, as parellas aparecen bailando, camiñando, rindo… sempre en movemento, evitando posados incómodos e artificiais. O seus trato coas parellas, sempre con bo humor e empatía, facilita moito este labor. As reportaxes que se cociñan no seu forno tamén inclúen imaxes tomadas en analóxico, un engadido fresco, romántico e máis duradeiro nunha época en que as modas veñen e van decote. “Ademais de que nos divirte”, apostila Nuria, que sabe que esa ledicia acaba por traspasar o obxectivo da cámara. Podemos asegurar que estas fotos nada teñen que ver coas da voda dos nosos pais.
O 2022 promete estar cargado de traballo para eles. A pandemia fixo que moitas vodas se aprazasen a este ano, polo que a súa axenda está case repleta. “Afrontamos este ano con moita ilusión e moitas ganas, non queremos ter outro como os anteriores. Foi unha tristura”, comenta. O principal obxectivo do seu traballo é que nunca esquezas ese gran día, polo que se preocupan moito de que o produto envelleza ben. Os álbumes que entregan coas fotografías dan boa mostra diso, pois semellan máis ben libros de arte. Para rematar, Nuria aconsella aos noivos que teñan pensado casar en 2023 que “apuren, pois este ano xa está asi todo cheo para nós e para calquera provedor, así que mellor non deixar as cousas para o último momento e así evitar disgustos”. Avisados quedades.
Petit de la Crème | petitdelacreme.com | cocina@petitdelacreme.com | 649 20 28 74 | @petitdelacreme
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024