VIALIA
bannerPicnicSesions

Recycled J: “Cando veñen mal dadas é o momento de conectar coa xente e de priorizar a música”

Recycled J será un dos artistas máis novos en subirse ao escenario do Festival TerraCeo, no Mar de Vigo o xoves 27 acompañado por Kimberley Tell. Con cinco discos e un recén estreado EP ás súas costas, o rapeiro madrileño adaptará a súa discografía a un formato máis íntimo con músicos tocando en directo. Falamos con el deste novo camiño na súa música ou da súa relación coa nosa cidade.

Recycled J nun concerto en Sevilla | @equiseme

Imaxino que para ti non é o mesmo ter ao público de pé saltando que sentado. Como será o formato co que virás ao concerto do xoves 27?

Antes de que sucedese todo isto viña de facer o Recytour 2020 e a xira de City Pop, e foi todo cun formato máis espléndido: bailaríns, visuais nas pantallas… e agora tivemos que adaptalo todo a un formato máis íntimo. Levamos unha versión con músicos e cun bloque en acústico, está enfocado doutra maneira. Tratar de con menos cousas transmitir as mesmas emocións. O que si é complicado é o de que non poidas ver as faccións, só os ollos de xente sentada. A min valeume para descubrir unha nova faceta miña que me está a gustar moito. Só levo dous concertos pero teño moitas ganas.

É un cambio obrigado pola situación actual ou era un camiño que tiñas ganas de explorar?

Totalmente. É unha situación complicada que a ninguén lle vén ben, pero si que era algo que quería probar. Igual que fixen cos bailaríns, que os incorporei a todos os shows do Recytour e a xente quedou alucinada, e eu tamén. E cos músicos, por cousas da vida e de que aos rapeiros non nos gusta ensaiar, pois nunca os levara. Nalgúns concertos en Sevilla ou Barcelona, pero eran cousas excepcionais porque coincidía que tiña amigos que tocaban instrumentos. Estoume a sorprender a min mesmo de como non o fixen antes. Cando veñen mal dadas é o momento de conectar coa xente e de priorizar a música.

Vés de sacar un EP a principios de xuño. A que dedicaches a nivel creativo a corentena? Influíuche na túa maneira de compoñer?

Na forma de compoñer non tanto. O EP Superpoderes levaba feito desde finais de 2018, pero non encontrabamos o momento de sacalo. E tamén cando saíu foi un pouco raro, porque é a miña proposta máis ecléctica, algo que nunca fixera antes, e saíu nun momento que nunca ninguén vivira antes, polo que foi un pouco estraño. Nas cousas que xa tiña empezadas viume ben todo ese tempo na casa, para raflexionar e cambiar cousas. Pilleime un home studio para gravar cousas novas, pero non me parecía o mellor momento e ao final era como “pff a ver se volvo ao estudio e o gravo ben”.

O mes pasado cumpríanse 10 anos da túa primeira canción en Youtube baixo o nome de Cool. Que recordos tes daquela etapa?

Pois moi bonitos. Aínda que de moitas cousas non me lembro (risos). Téñolle moito agarimo porque foi o comezo de todo. Era o meu hobby, gustabame gravar cancións e rapear. Daquela esa canción era como o meu fillo e tentei de levalo o máis lonxe posible. Nos nosos plans non existían os videoclips nin as sesións de fotos, a miña maqueta é todo. Véxoo en perspectiva e seguro que dentro de 10 anos estarei recordando a etapa actual. Iso é o bonito, gozar do camiño, non a onde vas ou de onde ves. Non é tanto o que pasou hai dez anos cando saquei ese traballo, senón o que supuxo iso e o que viu despois.

A túa maneira de escribir tamén cambiou co tempo, e como se ve neste último EP, quizais agora priorizas máis as melodías e a produción musical.

Si, era o que quería facer neste traballo, unhas letras máis pop, máis sinxelas e para todo o mundo, non esa linguaxe enrevesada que me caracterizou desde sempre, para ben e para mal. Teño unha forma de escribir que se nota que é miña, e cando quero facer cousas máis sinxelas priorizo as melodías, que sexan recoñecibles. Cando me apetece contar algo ben, pois volvo ao que se me dá ben facer (risos).

Hai cinco anos actuaches nun pequeno local de Vigo chamado El Jardín de María, e agora vas actuar no maior recinto da cidade este verán, o Auditorio Mar de Vigo. Como viviches este cambio en tan pouco tempo?

Faime moita ilusión iso. Eu comecei a coñecer a cidade por uns rapaces chamados Blue Invaders e despois saquei un traballo no 2016 con Ezzem. Eles estaban apadriñados por Banana Bahía Music, e tiñan a súa sala de operacións alí, en El Jardín de María. Toquei alí con Zetazen creo. É fodido ter que tocar nestas circuntsancias e non noutras, pero é unha praza nova, e é moi bonito.

En Vigo tamén gravaches un videoclip con Ezzem e algunha mixtape hai anos como mencionabas. Tráeche bos recordos volver á cidade?

REVISTA ABRIL

Por susposto. É unha cidade á que lle teño moito agarimo e agardo que sexa mutuo.

Que importancia dáslle ao apartado visual na música actual, tan dominada por plataformas como Spotify?

Está todo moi sobresaturado. Inlcuso eu mesmo, que intento traballalo e que se vexa como algo propio, vexo que todo o mundo fai o mesmo. O ciclo de vida é moito menor, agora é todo súper caduco: sae a portada dun single e xa está, xa morreu. É asociar a música cunha imaxe, como cando estudias para un exame. As veces vexo nas portadas unha política de “todo vale”, pero tamén hai moita xente que as traballa moito. E cos videoclips pasa o mesmo. As veces quero contar unha historia e facer a maior super produción que poidamos levar a cabo, e outras é a miña cara facendo playback. Depende do artista e do momento.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.