REVISTA MARZO

O novo número de Caleidoscópica que captura o tránsito do tempo.

A revista fotográfica vén de presentar o seu cuarto número na Lab_in en Vigo.

Tránsitos é o título do número 4 da revista fotográfica Caleidoscópica, que se presentou publicamente na Lab_in de Vigo, na tarde do pasado venres. A equipa editorial do proxecto Caleidoscópica vén de lanzar o seu cuarto caderno fotográfico, onde o foco resposta á intencionalidade da captura do tránsito, entendido este dende múltiples significados e perspectivas; unha declaración de intencións que a equipa recolle no prólogo da revista enunciando a pretensión de capturar “o inapreensível com as mãos, a cena efémera que as forças dos agentes e o tempo modificam constantemente. Todo é processo, e nessa certeza pusemos o foco.”

Charo Lopes, Miguel Auria, Pilar Abades, e Xiana Quintas (entre  outras fotógrafas deseñadoras e colaboradoras como Ana Parada no deseño e André Taboada na correción ortográfica), dan luz a un novo número deste proxecto, nado hai seis anos en Ourense. Desde alí foise expandindo e medrando até o día de hoxe en que xa vai polo seu cuarto número anual.

Naquel primeiro caderno, titulado Identidade e Terra, atopamos unha carta de presentación en que Caleidoscópica se define como unha amalgama de arte, xornalismo e fotografía que “olhamos de um caleidoscópio pirata para o nosso redor”. En Identidade e Terra tamén declaran entender a fotografía como unha ferramenta de expresión, como os espellos dun caleidoscópio onde a luz reflicte, “formas, cores que vemos dentro dum oco estreito da nossa cosmovisão”.

Banner A Movidiña

A Identidade e Terra seguíronlle números tamén elaborados desde unha  proposta estética e cultural coidada, traballada, diversa e propia como son Corpo e Território e Originalidade e Reciclagem.

Caleidoscópica é un espazo en que creadoras traballan en conxunto, tecendo sinerxias con outras creadoras (como son as 17 colaboradoras coas que xa conta o proxecto), polo que tamén é un proceso de aprendizaxe baseado no traballo conxunto.

Tanto o novo número como os anteriores, pódense consultar e descargar na web caleidoscopica.gal

The following two tabs change content below.

Alberte Mera

Coa paixón na comunicación, o audiovisual e o deseño, Alberte Mera é consultor de comunicación en Vigo, cidade onde naceu no 87. Despois de licenciarse pola UVigo en Comunicación Audiovisual, ampliou a formación co Máster en Comunicación e Industrias Creativas e co certificado de profesionalidade de Márketing e Comunicación. Ten dirixido varias longametraxes documentais e colabora na organización de iniciativas sociais e culturais.

Últimos posts de Alberte Mera (ver todos)