CAMELIAS MASCOTAS

Pelepau actuará este xoves nun San Brais sen furanchos

A recuperación da normalidade para a festa de San Brais está sendo lenta. O ano pasado canceláronse todas as actividades e este si haberá procesións e concertos, pero teremos que segir esperando para desfrutar dos seus furanchos. Despois de varias reunións entre a pedanía e a alcaldía confírmase que estes establecementos populares nos que se congregaban miles de fieis do cocido, o chourizo, a tortilla e o viño caseiro non poderán abrir en 2022.

As actividades que se manteñen son os actos relixiosos, a procesión e os concertos, todas elas durante o xoves 3 de febreiro. A xornada comeza ás 11:00 coa banda de cornetas de Beade. Ás 12:30 chega a misa maior cantada pola Coral Polifónica de San Roque, e a continuación sairá a procesión novamente acompañada polas cornetas, que tamén realizarán unha actuación ao rematar o roteiro relixioso.

Tras o xantar chega a quenda de Quinteto’s Folk ás 16:00, Lume de cana folk ás 17:30, novamente Quintetós folk ás 18:45 e para pechar a festividade o prato forte: Pelepau ás 20:00. Pelepau é unha agrupación viguesa formada por numerosos percusionistas, todos eles profesionais ou mestres do folclore galego. O seu obxectivo é adaptar as cancións tradicionais e populares desta terra con voces e percusións varias, creando espectáculos divertidos e interactivos e achegando a cultura galega a todos os públicos.