CASAACUNHA

O Festival Nun Local encherá Vigo de cultura e arte a partir do xoves

Festival Nun Local reunirá a máis de 130 artistas en 56 escenarios da cidade dende o xoves ao domingo. Este peculiar festival, no que unha garaxe ou unha peixaría se poden converter por un día nunha sala de actuacións, crece. Tanto en días, catro, como en zonas, ao Casco Vello sumáselles os barrios de Casablanca e Churruca. Un evento que pode ser pequeno en medios pero que é enorme en espírito.

Espectáculo de danza de Miñaxoia no Garaxe Casablanca na presentación da cuarta edición de Festival Nun Local.

‘O pequeno pode ser grande’, ese é o lema da cuarta edición de Festival Nun Local. Só fai falta botar un ollo á programación para decatarse que as dimensións deste festival son xa enormes. Durante catro días encherá de efervescencia cultural a cidade de Vigo conxugando teatro, música, danza, poesía, humor e cine. Máis de 130 artistas actuarán en espazos inéditos como unha garaxe de coches, unha panadaría ou unha peixaría e en locais con solera na organización de eventos. “Trátase de achegar a cultura aos sitios onde os veciños fan a súa vida no día a día”, explica Ed Morgan, cabeza na organización do festival, “romper esa barreira que algunha xente pode ter a acudir a un espectáculo por ter que entrar nun teatro, un museo ou unha sala”, engade.

Banner A Movidiña

O festival crece en días e en barrios. O xoves as actuacións terán lugar en Churruca, o venres no barrio de Casablanca e a fin de semana no Casco Vello. Nese afán colaborativo que caracteriza ao festival, nacen colaboracións con outros movementos culturais da cidade. O Festival Primavera do Cine, o Poemaria, o Instituto Camoes, o proxecto ‘Artistas’ e o Colectivo ‘Os Ninguéns’ estarán presentes no evento.

Todas as actuacións son de acceso libre, iso quere dicir que non hai que pagar para poder gozar dos espectáculos. Non obstante, outra novidade desta edición, é que nalgunhas das actuacións se introducirá o concepto da taquilla inversa. Isto significa que o público asistente ao finalizar a actividade poderá valorar o que acaba de presenciar póndolle un prezo. “En ningún caso ninguén estará obrigado a pagar nada”, sinala Morgan e explica que “non hai obrigas nin xuízos, consiste en dar a oportunidade ao espectador de tomar o control e que valore por si mesmo as artes e aos artistas”. O diñeiro recadado irá destinado na súa totalidade aos artistas, que participan no festival case como di o dito ‘por amor ao arte’. “É un evento totalmente autofinanciado. A cota que cobramos aos locais participantes serve para cubrir os custes mínimos dos artistas. O traballo da organización está baseado en voluntarios e cubrimos os gastos de promoción a través da venda de merchandising”, sinala o organizador. Para esta edición a artista viguesa Silvia Sánchez deseñou unhas chapas con telas recicladas e a deseñadora, tamén viguesa, Vanesa Álvarez encargouse do deseño das mochilas.

“Con este festival queremos amosar o que pasa nos locais de Vigo tódolos días do ano. Pór en valor eses artistas locais e os establecementos que os apoian ao longo de todo o ano”, conclúe Morgan. Sen dúbida, o traballo do Festival Nun Local é unha declaración de amor pola arte, pola cultura e por nosa cidade.