Pedro Guerra, Uxía, Mikel Erentxun e Mi Capitán actuarán gratis no Mar de Vigo
Catro concertos repartidos en tres días serán os encargados de pechar as actuacións musicais deste verán. Todos serán de balde ata completar aforo (450 persoas) e terán lugar na terraza do auditorio Mar de Vigo. Estas serán o 29 (Pedro Guerra e Uxía) e o 31 de agosto (Mikel Erentxun) e o 7 de setembro (Mi Capitán).
Os concertos de Vigo en Festas xa vai unhas semanas que remataron, pero no Concello tiñan gardados catro máis para despedir o verán. O primeiro será este xoves 29 coa dobre actuación de Pedro Guerra e Uxía. O cantautor tinerfeño presentará a versión remasterizada de Golosinas 2018, un dos discos máis influíntes da música nacional dos 90. Nel comparte micrófono con artistas como Pablo López, Rozalén ou Juanes. Pola súa banda, Uxía é unha das voces máis destacadas da música autóctona, abandeirando o folk en galego desde hai décadas.
O sábado 31 de agosto será a quenda de Mikel Erentxun, quen chega coa xira El último vuelo del hombre bala, o nome do seu último traballo que vén de sacar este ano. O ex vocalista de Duncan Dhu leva desde comezos dos 90 coidando a súa carreira en solitario, gozando dun gran respecto como autor.
Por último, a música indie de Mi Capitán soará no Mar de Vigo o sábado 7 de setembro. A banda, formada por membros de Love of Lesbian, Egon Soda e Standstill fundouse no 2013 a modo de divertimento entre todos estes músicos barceloneses, que pouco a pouco foi collendo forma ata convertirse nun proxecto definido e sólido.
As invitacións para os dous primeiros concertos poderán retirarse na billeteira do Auditorio Mar de Vigo o día 28 de agosto en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. O día 6 de setembro, co mesmo horario tamén na billeteira do Auditorio, para o de Mi Capitán. Todos eles serán ás 20:30 na terraza do auditorio, cunha capacidade para 400 persoas.