CAMELIAS MASCOTAS

Pedro Feijoo cóntanos a verdade

Xa está nas librarías o novo libro de Pedro Feijoo Ninguén contará a verdade, traballo co que acaba de recibir o Premio Xerais de Novela e que tiven oportunidade de ler en primicia como membro do xurado dos devanditos premios na súa edición XL.

O escritor Pedro Feijoo | P. Vázquez

No mes de marzo recibín unha inesperada e agradable chamada. Noli, da Editorial Xerais, convidábame a participar como xurado nos Premios Xerais XL de Novela. Por suposto, aceptei encantada o novo reto. Entre abril e xuño eu e as outras catro persoas que conformabamos o xurado, tivemos que ler as doce obras que se presentaran ao galardón. O proceso de lectura foi moi interesante. Había moitísima variedade entre os escritos recibidos e moita calidade. Pero, sen dúbida, o máis gratificante foi poñer en común as miñas opinións co resto de membros do xurado. Nas dúas reunións que mativemos puiden achegarme a mirada da colega de profesión María Díaz, a profesora e Bookstagramer Xela Andrade, o archicoñecido libreiro de Bueu Fernando Miranda e a Diego do Val que dinamiza un Club de Lectura en Gondomar e do que moito máis tarde descubrín o seu pasado na loita sindical. Entre os cinco decidimos que a obra presentada baixo o lema O candidato da fin do mundo era a que debía gañar.

REVISTA NOVEMBRO
Membros do xurado do Premio Xerais de Novela 2023 xunto ao gañador. De esquerda a dereita: Diego do Val, Xosé Manuel Moo (Noli), Fernando Miranda, Pedro Feijoo, María Díaz, Xela Andrade e Tamara Novoa | Cedida

Hei de dicir, que tiñamos claras sospeitas do autor que estaba detrás desta novela. A forma de escribir delatábao. Con todo, foi unha ledicia outorgar este premio a Pedro Feijoo. Unha persoa á que coñezo de tempo antes de comezar con A Movida e que sempre se amosou moi xeneroso, tanto comigo como con este proxecto no que me embarquei no 2018. A nova obra de Pedro Feijoo é un thriller político que ten a corrupción como verdadeira protagonista. Aínda que nos atopamos ante unha historia de ficción, sabemos que o que aí se narra podería ser verdade, tanto é así que moitas das personaxes que aparecen na novela son facilmente identificables con persoas reais. Ao preguntar ao autor en que momento decidiu escribir sobre a corrupción non dubida na resposta: “Foi durante a pandemia. Cando comezaron a saír os primeiros escáncalos das comisións millonarias polas mascarillas daquel ficticio San Chin Choon e do irmán de Díaz Ayuso. Nun momento de tremenda crise sanitaria como aquela, na que a xente estaba morrendo a miles, paréceme incrible que haxa persoas tan miserables que estiveran vendo como sacar tallada desa situación. Nese momento tiven claro, que tiña que escribir este libro”.

O escritor vigués amósanos a parte máis escura do ser humano a través de setenta personaxes (contados polo propio escritor) entre os que costa salvar a algún. “Eu matábaos a todos”, confesa divertido. “No nivel desta xente é así de negro. Pero, por fortuna, e a pesar do que nos queiran facer pensar, a sociedade é outra cousa” apostilla o autor. E se ben é certo que nos amosa o abismo, ao final do percorrido o lector verá un raio de luz, “quixen dar un balón de oxíseno aos lectores. Pero ademais, este libro forma parte dun proxecto moito máis ambicioso”, explica Feijoo e nos adianta que se todo vai ben haberá segunda parte.

Como colofón ao meu proceso como xurado dos premios Xerais, o sábado 28 de outubro acudimos a gala de entrega dos galardóns, que se celebrou no Parador de Baiona, emulando a primeira edición de 1984, na que gañou Carlos G. Reigosa por Crime en Compostela. Ademais de Pedro Feijoo tamén se fixo entrega do Premio Jules Verna de Literatura Xuvenil que recaeu en María Reimóndez por Furia e o Premio Merlín de Literatura Infantil para Leticia Barbadillo por A botella de lentellas. Agardo que desfrutedes tanto coma min de ‘Ninguén contará a verdade’ e por moitos anos máis contando e facendo historia para Xerais!

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.