Pedro Feijoo: “Este libro é un convite aos vigueses para que fagan de turistas na súa propia cidade” – A Movida

Pedro Feijoo: “Este libro é un convite aos vigueses para que fagan de turistas na súa propia cidade”

O escritor Pedro Feijoo presenta o seu novo libro ‘Camiñar o Vigo Vello’, nesta ocasión deixa de lado a ficción para aproximarnos á historia da cidade olívica. Un convite para que camiñemos sen présa polas rúas e historias que conforman a memoria de Vigo. Este venres ás 19:30 o autor presenta o libro no Instituo Camões, a continuación guiará aos asistentes nunha pequena ruta polas rúas da cidade vella.

Foto de Yago Ray

En ‘Os fillos do mar’ e ‘Os fillos do lume’ Vigo foi escenario principal da acción e converteuse nunha personaxe máis das novelas. Pero, neste ‘Camiñar o Vigo Vello’ é o protagonista indiscutible.
En verdade Vigo é protagonista de todos eles. As novelas son unha escusa para falar neste caso de Vigo e da súa historia. Emprego o formato de bestseller para chegar a máis xente. Creo esa historia de ficción da que Mariña e Simón son protagonistas, para contar unha historia real do noso pasado. No caso dos ‘Fillos do Mar’ a Batalla de Rande e nos ‘Fillos do Lume’ A Reconquista.

De onde te vén a ti ese amor pola cidade e a súa historia?
Son un obsesionado da memoria, quizais porque eu son un desmemoriado e no meu día a día son bastante desastre e descoidado. Pero apaixónanme todas as historias que hai na cidade, detrás de cada edificio, detrás de cada pedra. Gran parte desta paixón débolla ao meu avó, Manuel de la Fuente. Pasei moito tempo da miña infancia con el e en lugar de ir ao parque coma o resto dos rapaces, paseábame pola cidade co meu avó. El, que foi un importante cronista e documentalista da época, contábame un montón de historias sobre Vigo, con el ía ao arquivo municipal e ensinoume a rebuscar entre todos eses tesouros.

O libro dedícasllo a el.
Si, é algo intencionado. Creo que a súa labor como documentalista desta cidade foi tremenda, hai milleiros de cousas que agora sabemos grazas a el, e nunca se lle deu o recoñecemento, quizais xa van sendo horas.

“Negóusenos a nosa historia unha vez tras outra”

Está moi estendida esa idea de que Vigo é unha cidade moi nova, con pouca historia?
Si, de feito escoitase coma un mantra o de ‘iso en Vigo sempre foi así’, coma se poidésemos reducir a historia desta cidade aos nosos recordos. Este suceso é algo intencionado, negóusenos a nosa historia unha vez tras outra. No seu momento Murguía sinalou que Vigo non existía na Idade Media. Tamén se vencella a industrialización da cidade á chegada de Citroën, cando en Vigo xa había unha importante industria conserveira dende que no século XVIII o catalán Buenaventura Marco del Pont instaurou a primeira empresa de salazón.

“Derrubáronse verdadeiras xoias. Pero hai moitas outras que aínda se conservan”

Tamén é común atribuírlle os adxectivos de gris, industrial, incluso fea…
Os vigueses temos certo complexo. É verdade que co desarrollismo dos 70 Vigo creceu moi rápido e se fixeron verdadeiras aberracións como: construír o mamotreto do hotel Bahía onde estaba o Mercado do Berbés, os edificios de oficinas na Porta do Sol onde antes se erguía a Villa de París ou a construción da actual sede do BBVA na esquina entre Policarpo Sanz e García Barbón remplazando o edificio Rovira. A cidade tivo que crecer moi rápido e o fixo sen ningún tipo de planificación. Importaba facer diñeiro rápido e derrubáronse verdadeiras xoias. Pero hai moitas outras que aínda se conservan, só hai que abrir os ollos e mirar con curiosidade.

“Coñecer a nosa historia é clave para que non se produzan aberracións como as dos 70”

Nos últimos anos parece que se comeza a percibir un certo ‘orgullo vigués’, é un bo sinal?
Si, estase a producir un relevo xeracional. A xente máis nova xa non ten unha aldea a que ir a fin de semana senón que a súa aldea é Vigo. Ese feito axuda a pór en valor o noso, a sentirnos identificados como olívicos e a ter esa motivación por coñecer a nosa historia e conservala. Iso é clave para que non volvan a acontecer aberracións como as dos anos 70.

Neste novo libro propós varias rutas polo Vigo Vello, pero rutas a paso lento, deténdonos na historia que se esconde en cada recanto… Imos demasiado a présa os vigueses?
Pode ser que a propia orografía da cidade nos faga ir tan a présa, baixamos as costas rápido para coller carrerilla e afrontar a subida. O obxectivo deste libro é precisamente ese: facernos reparar en elementos que nunha ollada rápida ou despistada pasan desapercibidos. Cando visitas unha cidade colles unha guía e intentas entender a súa historia, este libro é un convite aos vigueses para que fagan de turistas na súa propia cidade.

Hai tantas historias que contar sobre o Casco Vello como para escribir un libro?
Hai rúas do Casco Vello das que se podería escribir un libro, e non só da rúa Real.

A cidade vella pasou un gran período de abandono, agora vemos como está a rexurdir a vida na zona. Estase a facer un bo traballo?
Efectivamente, non fai moito había que telos ben postos para atreverse a camiñar por estas rúas. Os veciños están a facer unha labor moi importante, todos eses mozos que se independizan e en lugar de escoller Coia ou Navia apostan por instalarse en Abeleira Menéndez. Ou todas aquelas propostas de particulares que abriron negocios nesta parte da cidade e encheron de opcións de lecer a zona. Tamén a labor dinamizadora da Asociación do Casco Vello. Pero todas estas iniciativas individuais teñen que ter o apoio institucional porque senón acaban morrendo.

O libro esgotouse en varias librarías de Vigo aos dous días de saír a venda. Superou as vosas expectativas?
Totalmente. Está a ter moi boa acollida. Supoño que é froito dese interese e desa recuperación do ‘orgullo’ que falábamos antes.

A presentación do libro será na Casa Arines que alberga o Instituto Camões.
Si, o Instituto Camões é un deses espazos da cidade vella que fai un montón de actividades culturais. Pero é que ademais se trata do edificio máis antigo do Vigo Vello, data do século XV. Un guiño para aqueles que se empeñaron en negar que Vigo existía na Idade Media.

Despois da presentación guiarás unha ruta na que poderán participar todos os asistentes.
Efectivamente. O obxectivo do libro é precisamente meter o gusanillo no corpo dos vigueses para que saian a camiñar as rúas da cidade vella e descubran todo o que ten que contar.

16mar19:30'Camiñar o Vigo vello', Pedro FeijooPRESENTACIÓN LIBRO | De balde19:30 Instituto Camões

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.
Compartir
X