CAMELIAS MASCOTAS

Pancho Varona: “En lugar de pechar bares dedícome a dar de comer aos patos”

É posible que o nome de Francisco Javier López non nos diga moito, pero se dicimos o de Pancho Varona a cousa xa cambia. Fiel escudeiro de Joaquín Sabina durante máis de tres décadas e co-compositor dalgúns dos seus maiores éxitos como Peces de ciudad, Contigo, Y sin embargo, Ruido, La del pirata cojo ou Pacto entre caballeros. E non só Sabina: Ana Belén, Luz Casal, Manolo Tena, Quique González… son algúns dos artistas aos que ten axudado coas súas composicións. O próximo sábado 1 de decembro visitará Vigo de novo coa Noche Sabinera, un formato no que Antonio García de Diego, Mara Barros e el repasarán algunhas das cancións máis importantes da traxectoria do cantante de Úbeda.

Doce anos xa desde a primeira Noche Sabinera no 2006 en Barcelona. Esperabades esta aceptación?

A verdade é que non. Aquilo comezou como unha broma: xuntarnos toda a banda o día antes de que Sabina actuase en Barcelona nun recinto enorme xa que tiñamos a noite libre foi algo anecdótico. Chámame a atención que doce anos despois convertérase nun formato importante e querido.

Dicías nunha entrevista que cando non estás de xira con Joaquín, estás coa Noche Sabinera, chegando a ter uns tres ou catro concertos por semana. Que fai Pancho Varona no pouco tempo libre que lle queda?

A min gústame ter o tempo ocupado: os martes colaboro nun programa de radio pola noite, venres e sábados adoito viaxar para dar concertos… sempre ando a buscar algún pretexto para facer cousas. Mira, no meu tempo libre gústame pasear. Pola mañá levántome cedo e encántame saír a pasear. De feito, ultimamente estou a afeccionarme a levar unha barra de pan para darlle de comer aos pato do estanque (risos). Iso é o que fago no meu tempo libre, aínda que pareza mentira. O vello rockeiro en vez de pechar os bares, dá de comer aos patos. Non teño moito tempo libre pero o aproveito ben.

Despois de ter estado detrás de tantas e tantas grandes cancións, chegaches a pensar en retomar a túa carreira en solitario que iniciaches con aquel disco homónimo de 1995?

Non o pensei porque non teño vocación de ter unha carreira discográfica nin vocación de solista. Pero si que teño unhas cancións soltas por aí, de fai tempo e máis actuais, que me gustaría ensinar. Pero non no formato de disco habitual, cunha discográfica detrás, a min iso abúrreme moito. Un dos meus plans máis próximos sería o de gravar unha canción cun amigo músico importante e subila á rede, a ver que pasa. E se funciona, gravar outra con outro amigo diferente. Esa aventura apetéceme moito máis que unha reunión co director dunha discográfica. Non quero ter ningún compromiso discográfico con ninguén, só comigo mesmo. Tamén teño concertos eu só, sen a Noche Sabinera, e a verdade é que gustaríame abrirme á vía festivaleira.  Teño máis amigos entre a xente de 30 anos que entre a de 60 (risos).

Tamén tes un espectáculo en solitario no que contas as historias e anécdotas que hai detrás das grandes cancións nas que participaches.

Si, chámase Historias de canciones, no que vou contando as anécdotas que xurdiron ao redor das cancións que compuxen con Ana Belén, Miguel Ríos, Hombres G, Ana Torroja, Manolo Tena, Luz Casal, Quique González, Sabina por suposto… en abril vou a Arxentina con este espectáculo, e en marzo vou a México coa Noche Sabinera. Gústame viaxar, gústame cantar, gústame moito máis o directo que o estudio. Cada mañá invento unha vida nova.

Como é compoñer xunto a Joaquín Sabina? 

Joaquín e máis eu comezamos a compoñer un pouco de casualidade e convertémonos en socios inseparables. A min resultábame moi doado porque houbo unha época na que Joaquín escribía moitísimo e eu compoñía moitísimo. Joaquín todos os días tiña unha letra para darme e eu nun día ou nunha semana xa lle tiña unha música para esa letra. A min resultoume facilísimo, sen coñecementos nin estudos musicais. Pasados os anos é moito máis difícil (risos). Antes podía pasarme unha noite enteira buscando dous acordes, agora pola noite gústame durmir, espertar cedo e ir xunto aos patos a darlles de comer (risos). Ademais, Joaquín é un poeta de tanta altura que calquera dos seus textos xa che inspira algo: un ritmo, unha melodía, unha secuencia de acordes… é moi inspirador o que escribe.

“Nós somos os habitantes da letra pequena dos discos”

Non che molesta que moitas veces Joaquín ou calquera outro artista leve o crédito de cousas que fixeches ti?

Non, en absoluto. Eu sei que nesta profesión hai moita xente que ocupa a letra pequena dos discos: produtores, técnicos de son, masterizadores, músicos… o mérito normalmente é para o que sae na letra grande e defende a canción. Nós somos os habitantes da letra pequena dos discos. Que por certo, é unha historia moi bonita a que che estou a contar, vou intentar facer unha canción con ese título (risos).

Falando de cancións, tes algunha canción favorita das que compuxeches ou axudaches a compoñer?

Si. Eu por exemplo téñolle un especial agarimo a unha que fixemos para Luz Casal, No me importa nada. Tamén a moitas das que fixen con Joaquín, como Ruido, Y sin embargo, Peces de ciudad… E a algunhas que fixen con Manolo Tena. Pero en xeral ás que máis agarimo lles teño son ás que fixen con Joaquín. Con el fixen cen, é unha vida enteira dedicada á música. As outras son máis anecdóticas, as de Joaquín son o tronco da árbore. Con Quique González tamén fixen unha, Se equivocaban contigo, e foi moi xeneroso comigo. Tiña unha canción a medio rematar e invitoume a ver se a conseguiamos pechar. E portouse moi ben, porque a canción realmente xa estaba feita, eu o único que fixen foi poñerlle a guinda a un pastel riquísimo e marabilloso que el construíra. Teño esa sorte, que teño grandes amigos que me fan ese tipo de agasallos.

“Cando souben que Joaquín ía producir con Leiva Lo niego todo tiven un ataque de celos de 24 horas”

Molestouche que Joaquín non contase contigo para a gravación de Lo Niego Todo

Tiven un ataque de celos que me durou 24 horas (risos). Ao principio pensas “como é posible”, pero despois entendino todo e de feito gustoume. Ademais sabía que despois dese disco habería unha xira na que eu si que ía estar, entón como son un tipo listo pensei “benefíciame que Joaquín saque un disco con que sexa, con tal de que despois me leve de paseo por todo o mundo”. Ademais eu son moi amigo de Leiva [produtor do disco], querémonos moito. E con Joaquín que che vou a dicir… Joaquín precisaba un pouco de aire fresco. O aire que tiña con nós xa estaba un pouco viciado. E ese aire novo deullo Leiva e a min pareceume fantástico. Mellor que vaia con Leiva que con outro. A nosa época foi incrible, durou trinta anos, e agora eu entendo que el faga cousas con outra xente, ao igual que el entende que eu as faga para outros. Temos unha relación demasiado boa para que iso nos afecte. A Joaquín tampouco lle importou cando eu fun con Estopa ou con Christina y los Subterráneos.

O pasado xuño tocouche dar a noticia ao público do WiZink Center de Madrid de que Sabina quedara sen voz durante o concerto. Que sente nun momento así?

Nós vimos que Joaquín comezara o concerto moi ben, a primeira canción que foi Yo me bajo en Atocha cantouna moi moi ben, e vimos que se deixou a pel nela. Despois notamos que algo pasaba, que ía quedando afónico a medida que pasaban as cancións eu comecei a temer o peor. En Y sin embargo vin que Joaquín quedou sentado sen cantar, e comecei a cantar eu as súas partes. E no solo, na metade da canción, levantouse e marchou. Veu o stage manager a dicir que Joaquín non se atopaba ben e que cantase eu unha a ver se melloraba e podía volver. E iso fixemos ata que me avisaron de novo de que Joaquín non podía seguir. Eu me lembro de estar tocando unha canción e estar pensando “que vou dicir?”. Ter que comunicarlle a 17.000 persoas que o concerto se cancela… é un trago. Por sorte ninguén se amolou, porque o público de Joaquín é santo. Tamén é certo que tocamos máis de hora e media,  o concerto non estaba rematado pero quedaban unhas cinco cancións. Sempre me toca a mi comunicar estas cousas: xa me tocou en Tijuana e en máis sitios… sempre que ten un problema son eu o encargado de comunicalo. Gústame ter ese papel na banda, ser o máis achegado a Joaquín e o responsable de comerme un marrón se fai falta, non me importa.

Entón pensas que aínda lle queda corda para rato.

Si. Joaquín ten o 2019 cheo e o 2020 practicamente tamén, imaxínate. Está cheo de proxectos, algúns sorprendentes que non podo adiantar. Pasoulle iso puntualmente, pero leva un mes de vacacións en Rota e vai volver coas pilas renovadas.

Ademais de como músico, tamén puidemos verte  na produción de traballos de grupos míticos como Estopa, Amaral, Gabinete Caligari ou Café Quijano. Onde te atopas máis cómodo?

Estivemos de moda durante unha época (risos). Pero xa deixamos de ser produtores de moda. A min non me gusta demasiado o estudio, a Antonio García de Diego si. A el encántalle probar sons, arranxos… a min abúrreme un pouco. Eu producín eses discos cun pracer enorme. Pensa o pracer que é que Estopa deixe doce cancións nas túas mans, ou Amaral o seu disco debut.

“Os grupos en España gozan de moi boa saúde, os cantautores penso que non tanto”

Tras tantos anos nisto da música, cal ou cales foron os grupos e artistas nacionais que máis che sorprenderon na súa evolución? 

REVISTA NOVEMBRO

Eu teño unha lista por décadas: nos 60 os mellores foron Los Brincos, nos 70 Agua Viva, nos 80 Siniestro Total, nos 90 Los Rodríguez, nos 2000 Pereza e nos 2010 os mellores foron Vetusta Morla e Love of Lesbian. Eses son os meus escollidos por décadas. Os grupos en España gozan de moi boa saúde. Os cantautores penso que non tanto, que non souberon coller o relevo. Gústanme moito tamén Mi Capitán ou Cala Vento.

A finais de novembro estades a preparar o regreso de Viceversa, con Manolo Rodríguez e Paco Beneyto. A que se debe esta volta?

O que che dicía, non deixamos de inventarnos unha vida nova cada día. Entón pensamos en reunirnos e rememorar o disco Sabina y Viceversa tal e como se tocou, na súa orde. Vai ser un concerto só dese disco, da primeira á última. Xa está todo practicamente vendido para o xoves 29 na Sala Galileo de Madrid. É unha faceta nova do mundo sabinero, que é amplo e precioso. En principio é só un concerto, pero dependendo da repercusión pois oxalá podiamos facer algo máis con Viceversa.

 

(GMT+01:00) Teatro Afundación

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.