REVISTA MARZO

Villa Idalina, o palacete indiano no que se pode durmir e comer

Villa Idalina é un pazo portugués que os seus donos, Susana e Andrés, convertiron en hotel para poder mantelo e ensinalo en todo o seu esplendor. Ofrecen visitas guiadas os sábados e domingos con percorrido pola casa e un abundante brunch caseiro. (Fotos: P. Vázquez)

Susana Fernández fala de Joaquim dos Anjos Costa como se un século de distancia non lles impedise coñecerse. Joaquim, portugués, foi quen construíu Villa Idalina ao seu regreso de Brasil, en 1911. Susana, galega, leva sete anos traballando en manter e dar a coñecer o mesmo edificio a través dun negocio de bed & breakfast.

Villa Idalina é un palacete de 600 metros cadrados situado na Freguesía de Seixas, á beira do río Miño e preto de Camiña. Ten tres pisos, unha elegante escalinata de entrada, torre con vidreiras e os clásicos azulexos portugueses que chaman a atención desde a estrada e diferénciano dos pazos galegos. No interior, Susana e o seu marido, Adrés Caraballo, manteñen intactos todos os elementos posibles. Moitos dos mobles son os orixinais de 1911, así como os lavabos e billas, a pila e vitrinas da cociña, os cadros, as lámpadas e a mesa de billar francés. Tamén seguen no seu lugar os elaboradísimos e exclusivos estucados que Joaquim mandou colocar nos teitos e paredes e a intricada marquetería do chan e as portas.

Tras a luxosa aparencia, está a loita diaria contra o tempo e a meteoroloxía para que o inverno non estrague a madeira da torre, que teñen pendente restaurar, ou filtre auga na fantástica bodega onde Susana comeza as visitas guiadas polo pazo cada sábado e domingo. As visitas inclúen un percorrido guiado con Susana pola planta central da casa, onde a dona demostra o coñecemento e paixón que ten polo pazo. Algunhas das historias pode contalas grazas a atopar papeis e un cento de diapositivas de cristal que dixitalizou para poñermos cara a Joaquim, Idalina e outros habitantes da casa. A vontade de manter Villa Idalina, que os avós de Andrés mercaron en 1968, foi o que impulsou ao matrimonio a convertila nun hotel en 2013.

Banner A Movidiña

Tras coñecer as principais estancias dirixímonos á segunda parte da experiencia: un completo brunch no comedor orixinal de Villa Idalina. Na mesa central atopamos tortas salgadas, táboas de friames e queixos, hummus, froita fresca, varios tipos de pan e unha ducia de doces caseiros diferentes. Por se non resultase o suficientemente apetitoso, a anfitrioa remarca que todo é elaborado na súa cociña e algunhas materias primas son da horta da casa.

É moi probable que, tras o festín, non queiramos marchar de Villa Idalina. Podemos alongar a estancia quedando a durmir nun dos seis cuartos, a maioría deles orixinais co engadido moderno dun cuarto de baño. «Tivemos que facer cambios na distribución para que cada peza teña o baño, que ademais construímos nos mellores lugares da casa», comenta Susana fronte a unha espectacular bañeira con vistas á posta de sol no Miño. O que non cambiaron foron os armarios, mesas de noite, lámpadas e ata o sistema de calefacción, pioneiro naquela altura, que levan aquí máis de cen anos.

Largo de São Bento, 4910-348 (Portugal)639 15 49 01 | @villaidalina

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.