REVISTA ABRIL

Pablo Otero (Nikis Galicia en Vigo): ‘Os tapabocas están causando furor’

Hai cinco anos que Pablo Otero se puxo en contacto cos creadores de Nikis Galicia para proporlles a posibilidade de traer a súa marca a Vigo, onde tiña certeza que funcionaría. Agora este pequeno empresario vende camisetas, tazas, calcetíns, mochilas, imáns, mandís… con grandes doses de retranca en dous establecementos do centro, estratéxicamente situados para captar a atención dos turistas. Pablo, e moitos outros tendeiros, enfróntase á ameaza dun verán sen visitantes que lle dean ao seu negocio ese pulo anual ao que están afeitos.

Nikis Galicia | Pablo V.

Como vos afectou o confinamento?

Pois como a todos os que tiveron que pechar o seu negocio, con grandes pérdidas económicas e facendo un ERTE para os traballadores das tendas. Eu aínda estou pagando o crédito que pedín para abrir a tenda da Porta do Sol, polo que as débedas acumuladas son importantes. Agora mesmo esa tenda xa está aberta e estamos esperando a que se reactive o turismo para abrir a da Pedra.

Como foi a resposta do público á reapertura da tenda?

A primeira semana foi moi frouxa. Eu tiven momentos de medo nos que pensei que non iamos remontar, pois non vendemos produtos de primeira necesidade, pero as compras vanse normalizando pouco a pouco e agora mesmo son bastante máis optimista. En Nikis notamos moito a afluencia de turistas, vendemos moitísimo máis en xullo e agosto e a marca está moi orientada a esa estacionalidade: saen as novas coleccións, aumentamos os produtos, o persoal… Eu estou notando que a recuperación do sector turístico vai ser moito máis rápida do que pensábamos, polo que teño intención de abrir a tenda da Pedra a finais deste mes.

Estavos causando problemas a implementación das novas medidas?

Está sendo bastante máis fácil do que imaxinaba. Nótase que a xente está concienciada e hai un cambio de chip. Xa non deixan todo ciscado pola tenda, agora tocan o xusto e necesario e polo xeral non proban as prendas, que poñemos en cuarentena durante 48h cada vez que alguén as proba. Ademáis dispoñemos de xel na entrada e non está permitido entrar sen máscara.

Nesta nova normalidade atopastes un novo nicho de mercado: os tapabocas

REVISTA ABRIL

Si, os tapabocas están causando furor. Véndense a tal velocidade que case nunca temos stock suficiente para satisfacer a demanda. A fabricación é propia, polo que a tirada é limitada. É un produto que vén para ficar.

Subiron as ventas online neste periodo?

Eu non levo esa parte, son os donos da marca quen xestionan a tenda online, pero teño información de que si subiron as compras na páxina web estes meses, especialmente pola alta demanda dos tapabocas.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.