CAMELIAS MASCOTAS

Pablo Novoa, o músico que sempre estivo aí

Hai un mes que Pablo Novoa se enrolou nas filas do Barbeira Season Fest como director artístico, unha nova experencia na súa máis que ampla traxectoria no eido musical. O ex-Golpes Bajos e líder da banda de Late Motiv afronta esta nova etapa con moita ilusión, sabendo que se une a un proxecto pequeno pero ambicioso. Falamos cun dos nosos músicos máis relevantes e, á vez, máis discretos.

Pablo Novoa no Teatro Afundación en 2018 | Alba Sotelo

Rara vez o seu nome aparece nos carteis dos festivais ou dos concertos, pero Pablo Novoa sempre estivo aí. Personaxe principal na Movida viguesa como membro de Golpes Bajos, nos seguintes anos acompañou a artistas como Los Ronaldos, La Marabunta, Iván Ferreiro, Bebe, Josele Santiago, Nacho Mastretta, Julieta Venegas, Marlango… Un currículo que lle valeu para ser durante oito anos o director da banda de Late Motiv, que sorprendeu coa súa calidade nunha televisión deserta de música en vivo. Coa fin do programa presentado por Andreu Buenafuente (que non da banda, que segue a tocar en directo) chega unha nova etapa igual de ilusionante como director artístico do Barbeira Season Fest, evento musical nado hai tres anos na vila veciña de Baiona que este ano terá lugar a comezos de setembro. Coa súa chegada, o festival pretende dar un salto de calidade e convertirse nun referente no sur da provincia.

REVISTA NOVEMBRO

Novoa pasou de abrir a pasada edición do festival co seu proxecto instrumental Radio Pesquera a formar parte del: “Gustoume a idea de axudar a definir os criterios artísticos dun festival, cousa que nunca fixera antes”, rememora alguen que, ao longo dos anos, recibiu moitas maquetas de músicos, amateurs e profesionais, en busca de consello. Segundo Pablo, na actualidade os festivais substitúen ás tan populares festas de verán que se organizaban nos anos oitenta e noventa en numerosos pobos de España. Desta maneira, as vilas propoñen eventos con máis personalidade e máis coidado a todos os niveis: programación, servizos, medios técnicos… Neste aspecto, o Barbeira busca dar un salto de calidade nesta cuarta edición e involucrar aínda máis a Baiona, labor no que Novoa aportará a súa dilata experiencia.

Como músico, Pablo non era tan consciente das dificultades que entraña a programación dun festival, mais agora tócalle estar doutro lado da barreira: “O outro día dicíalle a Kin, de Esmerarte, que me ten programado varias veces no PortAmérica: ‘Agora que estou neste lado entendo todo moito mellor! Non é nada fácil…'”, lembra entre risos. Un dos criterios que queren seguir nesta edición do festival é o fixarse en bandas dos catro puntos cardinais: ao norte, Galicia; ao este, o resto do Estado; ao sur, Portugal; e ao leste, porque non, América Latina. Novoa insiste no talento que hai agochado no país veciño, moitas veces esquecido nos festivais galegos e que na medida do posible tentará reivindicar nesta edición do Barbeira, que tamén terá un oco para os grupos galegos emerxentes.

O remate de Late Motiv deixa practicamente orfa de música en directo á televisión, unha tendencia negativa que se debe, na súa opinión, “ao custoso que é facer música ao vivo en relación a audiencia que ten despois“. Non perde a oportunidade de desmentir tamén ese mito de que antes había moito programa musical na pequena pantalla: “O que había era moito playback, e a xente vía eses programas porque non había internet e era a única maneira que tiñas de ver a eses grupos. A xente xa non quere ver playbacks, hai que ofrecer algo máis. Por iso recibimos moitos aplausos por El Camerino”, di en referencia a unha sección de Late Motiv, onde xuntaban a grandes artistas a charlar sobre a súa música e tocar cancións xuntos nun formato moi íntimo.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.