Pablo Novoa: «Dei moito a lata con traer grupos aos que eu admiro»
O polifacético músico Pablo Novoa é o novo Director artístico do Barbeira Season Fest de Baiona. El mesmo é o encargado de inaugurar o festival cun concerto desde un dos balcóns do Hotel Bayona, reconvertido durante esta finde en “Hotel Season-Zentolo”. O concerto é gratuíto dá comezo ás 19:30 e Novoa estará acompañado doutros músicos.
Que te levou a enrolarte nas filas do Barbeira?
Os organizadores fixéronme a oferta e eu, que estiven tocando no festival o ano pasado, sabía que era un evento con moi boas intencións, moi coidado e nunha localización marabillosa. Ademais, sérveme de escusa para volver á miña terra.
Cales son as túas achegas?
Incidín moito en fixármonos en bandas dos catro puntos cardinais: ao norte, Galicia; ao leste, o resto do Estado; ao sur, Portugal; e ao oeste, por que non, América Latina. O meu labor está enfocado á programación musical, pero tamén a traer o punto de vista do músico.
Que espera por nós en Baiona?
Veñen grupos moi coñecidos de España, que ademais de estar de actualidade teñen moita personalidade; entre eles Depedro, coa súa conexión con México e o sur dos EE. UU. Acollemos a primeira representación portuguesa con Capicúa. O domingo o festival céntrase nos grupos galegos, e temos o Hotel Season Zentolo para os grupos emerxentes. Dei moito a lata con traer a grupos aos que eu admiro e estou moi orgulloso do cartel. É o primeiro paso para levar a cabo esa idea de mirar aos catro puntos cardinais.
Nesta ligazón podes consultar toda a programación do festival e recorda que aínda podes conseguir o teu abono na web do evento con 5€ de desconto introducindo o código AMOVIDA.