PORTAMERICA
REVISTA NADAL

Os mellores plans para desfrutar o Nadal en familia

Hoxe comezan as vacacións de Nadal nos centros escolares, o que significa que temos por diante máis de dúas semanas para pasar máis tempo en familia. Aquí vos deixamos algúns plans para realizar cos máis pequenos da casa. Preme no título de cada plan para obter máis información ou consulta as nosas axendas (a de sempre e a especial de Nadal).

Porta do Sol | P. Vázquez

CIRCO DE NADAL – Ata o 12 de xaneiro na Avenida de Castelao (Coia) – Desde 12,00 €

Culturinvest presenta no barrio de Coia e baixo a súa gran carpa esta nova edición do Circo de Nadal, que conta con Gaby Aragón, fillo do mítico pallaso Gaby e sobriño de Fofó e Miliki. Este novo espectáculo é unha gran homenaxe aos Pallasos da Tele no 50 aniversario da chegada a televisión do Gran Circo de TVE. A carpa está situada, como outros anos, na Avenida de Castelao, en Coia. Os días nos que está aberto o circo son os seguintes: 20, 21, 22, 23, 25, 26, 27, 28, 29, 30 de decembro; 1, 2, 3, 4, 5, 6, 10, 11 e 12 de xaneiro.

PAPÁ NOEL – Ata o 24 de decembro – De balde

Poderemos visistar a Papá Noel e entregarlle en man a carta coa lista de agasallos en diferentes lugares da cidade: na casa instalada en Policarpo Sanz, e nos centros comerciais de Vialia, Travesía, Camelias, Gran Vía e A Laxe.

PISTA DE XEO – Ata o 2 de febreiro en Samil – Desde 8,00€

O aparcadoiro de Samil volve acoller a pista de xeo e a de karts típicas do Nadal de Vigo. Estarán dispoñibles desde o venres 29 de novembro ata o domingo 2 de febreiro. Existen descontos por familia numerosa. Os horarios son os seguintes: Luns a domingos:11:00 a 22:30; 24 e 31 de decembro e 5 de xaneiro:11:00 a 19:00; 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro:16:30 a 22:30.

OBRADOIROS DE MANUEL PENÍN – 21 e 22 de decembro e 11 de xaneiro no Museo do Mar – De balde

Con motivo da exposición temporal ‘Mareas’ de Manuel Penín no Museo do Mar, o artista vai a impartir unha serie de obradoiros, dirixidos a diferentes públicos, tanto para menores coma para adultos, nos meses de decembro 2024 e xaneiro 2025. Co mar como tema principal os participantes nesta actividade acompañados por Manuel Penín, experimentarán con diferentes técnicas (pinceis, lápis, dedas, …) e materiis artísticos (sprais, pastel, témpera…) adaptados a súa idade. Os horarios son os seguintes:
Sábado 21 de decembro – Obradoiro de 11 a 15 anos
Ás 11:10 e 12:40 h
Domingo 22 de decembro – Obradoiro de nenos e nenas con pais e nais
Ás 11:10 e 12:40 h
Sábado 11 de xaneiro – Obradoiro para nenos e nenas cos avós e avoas
Ás 11:10 e 12:40 h

FESTIVAL PEQUEÁRTIKO – Do 23 ao 31 de decembro na Sala Ártika – Desde 8,00 €

Un ano máis, volve o Festival de teatro infantil PequeÁrtiko á sala Ártika para que os máis pequenos e pequenas da casa desfruten con teatro infantil, espectáculos, música e títeres. O festival celébrase do 23 ao 31 de decembro e nesta edición participan compañías galegas, nacionais e unha portuguesa.

OBRADOIROS NA BILBIOTECA – Do 23 de decembro ao 4 de xaneiro na Biblioteca Juan Compañel – De balde

A biblioteca pública Juan Compañel ten preparadas diferentes actividades lúdicas para os días 23, 26, 27, 28 e 30 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro. As actividades divídense en tres bloques: ‘Nadal para bebés’, ‘Un Nadal de conto’ e ‘Obradoiros de Nadal’. A inscrición nas actividades abrirá nos próximos días e pode facerse de maneira presencial na propia biblioteca ou chamando ao teléfono 886 120 445.

OBRADOIROS ‘SIMULTÁNEA’ – 26 e 27 de decembro e 2 e 3 de xaneiro na Sede Afundación – 5,50 €

Afundación presenta o seu programa de obradoiros de Nadal dirixidos a nenos e nenas. No marco da macroexposición «Simultánea», coa que a entidade celebra o seu décimo aniversario, presenta unha serie de obradoiros onde visitarán, en primeiro lugar, a exposición para, a continuación, crear unha auténtica obra de arte de Nadal que combinará a sostibilidade, a creatividade e a imaxinación. Partindo da premisa de que, debido ao quecemento do planeta, apenas nevou nestas festas, como solución, os participantes deberán crear as bólas de neve coas súas propias mans. Celebraranse na Sede Afundación de Vigo os días 26 e 27 de decembro e 2 e 3 de xaneiro, de 11.30 a 13.30 h.

Papá Noel | P. Vázquez

GALICIA MAGIC FEST – 26 e 27 de decembro no Teatro García Barbón – Desde 16,00 €

Os mellores magos do mundo volven ao Teatro García Barbón os días 26 e 27 de decembro coa oitava edición do festival internacional de maxia Galicia Magic Fest. Seis prestixiosos ilusionistas de latitudes diversas cítanse no teatro máis sobranceiro da cidade nun grande espectáculo familiar que desafía a lóxica durante hora e media.

VIGOLANDIA – Do 26 ao 30 de decembro no IFEVI – 6,00€

Vigolandia, unha das citas familiares máis exitosas do Nadal en Vigo, celebra a súa edición número vinte a finais deste mes no IFEVI. Un salón de lecer para o goce e diversión de todos e que mantén desde o seu nacemento un dos seus obxectivos básicos, o seu carácter social e benéfico. Ademais, as familias de Vigo poderán disfrutar dunha enorme variedade de actividades. Este evento manterá as súas portas abertas ao público no IFEVI, desde o xoves 26 de decembro ata o luns 30, en horario de 12.00h a 20.00h, ocupando unha superficie de  máis de 16.000 m2.  Entre as actividades propostas nesta edición destacan, ademais dun inchable xigante de 70 metros, novos xogos e unha tirolina, os espazos despregados para os amantes de LEGO, así como para os combates Láser Tag, e o concurso de mini chefs. Tamén se resolverá o certame de pintura escolar que se organiza arredor das luces de Nadal de Vigo, nol que participan arredor de 5.000 estudiantes de 48 colexios da cidade. 

CENTROS COMERCIAIS – Varias datas en A Laxe e Camelias – De balde

Os centros comerciais de Vigo acollen numerosas actividades para a cativada: pintacaras, talleres de cociña, obradoiros de robótica, contacontos, espectáculos musicais… Preme aquí para consultar toda a programación do CC Camelias e preme aquí para facer o propio coa de A Laxe.

CARTEIROS REAIS E REIS MAGOS – Ata o 4 de xaneiro – De balde

Do mesmo xeito que con Papá Noel, poderemos entregar as nosas misivas aos Reis Magos ou aos carteiros reais para que llas fagan chegar. Poderemos atopalos na rúa Policarpo Sanz ou, entre outros, nos centros comericai de A Laxe e Camelias.

CABALGATA DOS REIS MAGOS – 5 de xaneiro desde Avenida de Castelao – De balde

A Cabalgata de Reis do domingo 5 de xaneiro de 2025 volverá a contar con dúas modalidades, como en anos anteriores: estática e móbil. De 11:00 a 14:00 da mañá, estará a Cabalgata estática na Avenida de Castelao, no barrio de Coia. Pola tarde, a partir das 18:00, sairán as 11 carrozas que conforman a cabalgata desde a Avenida Castelao en dirección á rotonda do Bicentenario, pasando pola rúa Camelias, Praza América e Álvaro Cunqueiro. A previsións municipal é que participen 11 carrozas: 5 son municipais (Policía Local, Carteiro Real, Melchor, Gaspar e Baltasar) e 6 son carrozas de empresas colaboradoras.  A temática deste ano evocará os “Contos de Nadal”. Sobre as 20:30h será a Recepción Real na árbore da Porta do Sol.

VINA COSTEIRA
Os Reis Magos | P. Vázquez