VIALIA
PLAYDOC

Picnic Sesións, o festival de Saiáns para desfrutar en familia

O Festival Picnic Sesións de Saiáns celebra a súa segunda edición os días 1 e 2 de setembro. A cita inclúe actividades para todas as idades e un ambiente familiar.

Picnic Sesións 2022 | Foto: Juan Teixeira

Picnic Sesións volve a Radio Costeira (baixada á praia, Saiáns) o 1 e 2 de setembro e renova a súa aposta pola música local e as actividades para toda a familia. Os pequenos da casa poderán desfrutar de actividades como un obradoiro de estampación textil, participar nun certame de pintura, coñecer xoguetes tradicionais e explorar a contorna do parque forestal de Saiáns.

Facendo gala do seu lema “Natureza, cultura e comunidade”, o festival comezará o venres cunha ruta cultural polo Parque Forestal de Saiáns guiada por integrantes da Comunidade de Montes, que ensinarán aos participantes os camiños, miradoiros e vexetación máis característicos da zona. A actividade comezará ás 17h e é apta para todas as idades.

Xa o sábado, a partir das 12h celébrase o Certame de pintura rápida Mingos Teixeira que conta con dúas categorías, unha para rapaces de entre catro e 14 anos e outra para maiores de 14. Os participantes terán tres horas para reflexar no papel ou lenzo a paisaxe de Saiáns. Ás 17:30h o xurado anunciará o gañador do concurso, que recibirá 150 €.

REVISTA ABRIL

Ás 12 e ás 17h, Nenaplantasflow impartirá un obradoiro de Hapa Zome, un arte de estampación botánica xaponesa que consiste en golpear flores e follas cun martelo contra a tea, para que esta quede impregnada dos seus pigmentos. A idade mínipa para participar é de seis anos.

Ás 13h fará a súa aparición Peter Punk Pallaso, un paiaso gamberro, irreverente e moi divertido que, co espectáculo Peor imposible fará escachar da risa a pequenos e grandes cos seus chistes e malabares. O trío Zeltia Irevire porá música ao vermú cun concerto ás 14h. A partir das 16:30h crearase un espazo familiar con xoguetes tradicionais de madeira, no que os pequenos poderán descubrir a ra, os zancos, a ferradura ou o tiracoios.

En canto ao cartel musical, o festival mantense fiel a dar protagonismo á música viguesa con Aphonnic, Los Pontiaks, Zalomon Grass e The Mirror no cartel. Tamén haberá mercado e zona gastro.