Os concertos que compoñen a banda sonora deste xullo
O verán é época de concertos e Vigo vén cun mes de xullo cargadiño deles. Ademais da multitude de salas que ten a cidade, que seguirán programando con normalidade actuacións semanais, chegan os clásicos concertos estivais no Auditorio de Castrelos. A falta dun grupo por anunciar, o calendario de Vigo en Festas xa ten nove datas confirmadas neste escenario, seis delas este mes.
Pero antes de ir a Castrelos, facemos unha parada obrigada no Auditorio Mar de Vigo, xa que este sábado 7 vén de visita o pianista británico James Rhodes, probablemente un dos máis famosos do panorama musical da actualidade. Volve a Galicia, tras actuar o ano pasado en Santiago de Compostela. Rhodes é unha figura atípica: foi o primeiro pianista clásico en asinar contrato coa Warner Music, discográfica centrada no pop e no rock, ademais de ser recoñecido mundialmente pola súa capacidade de achegar a tódolos públicos a música de Bach, Beethoben ou Chopin. Nos últimos anos tamén destacou na súa faceta de escritor, na que acumula xa tres títulos, onde destaca a súa autobiografía Instrumental. A Memoir of Madness, Medication and Music, dispoñible traducido ao castelán nas nosas librarías.
Steven van Zandt, máis coñecido como Little Steven, será o encargado de abrir os concertos de Castrelos o xoves 12 de xullo. O extravertido músico, famoso por levar anos sendo guitarrista da E Street Band de Bruce Springsteen, participou como actor e asesor musical na serie de televisión The Sopranos e presentou nos últimos anos un programa de radio retransmitido a través da emisora estatal Rock FM. Rock and roll para comezar con bo pé as festas.
O sábado 21 visítanos un dos pesos pesados da historia da música española: Joan Manuel Serrat. O cantautor catalán, con máis de cincuenta anos de carreira ás costas, vén, como xa fixo nos anos 2010 e 2012, disposto a demostrar que a idade non é máis que un número e que este auditorio non o desmerece.
Dous días despois, o luns 23, chega o que probablemente sexa o prato forte deste ano. Polo menos iso demostrou o público, esgotando todas as entradas en poucas horas. Falamos de Maná. Con tres décadas de carreira e ducias de éxitos polo camiño, a banda mexicana pisará por primeira vez as terras viguesas, tras visitar A Coruña e Santiago nos últimos anos. Non se lembra a última vez que unha banda esgotou tan rápido as 5.000 entradas ofertadas. Ademais, sendo concerto máis caro das festas, mantiña o moi accesible prezo de 11 euros.
Na mesma semana, o venres 27, terá lugar o que por agora é a única xornada con dúas bandas programadas: Dorian e Zoe. A diferenza dos demais días, nos que a hora de comezo é ás 23.00 horas, para ver a estes dous grupos haberá que estar ás 22.30 no recinto. Dorian é unha das bandas máis destacadas da escena indie e electrónica estatal. Os barceloneses presentarán o seu último traballo, Justicia Universal, pero seguro que soarán algúns dos seus temas máis coñecidos como Cualquier otra parte e Paraísos artificiales. Por outra lado, desde México chegan Zoe, banda recoñecida por un estilo único que mestura elementos de diferentes xéneros coma o rock psicodélico, o rock progresivo ou a música electrónica.
Os encargados de pechar o mes de xullo en Castrelos serán os colombianos Morat, que o luns 30 tentarán facer bailar e cantar ao público asistente co seu folk-pop suave e pegadizo. Seguro que os espectadores están desexando cantar con todas as súas forzas temas como Besos en guerra, Como te atreves ou Cuando nadie ve.
Ademais de gozar con todos estes grupos para gustos variados, desexamos que antes dos concertos poidan tocar algunhas bandas locais a modo de abreconcertos, como xa pasou o ano pasado con Aphonnic.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024