OC29: deseño e sabedoría popular
Un dos selos máis inconfundibles do pobo galego é a retranca, unha filosofía vital, feita case sempre a base de resiliencia, chea desas cousas tristes que fan rir, das que xa falaba Castelao e de dependes. Desta retranca é da que se nutre ocarallovintenove, marca ideada por Puri cando, de forma caseira, empezou a facer as súas propias tote bags adornadas coas verdades universais que xa dicían os nosos avós. Cando as luciu pola rúa, o seu círculo de amizades toleou cos deseños, devecían por facerse cun daqueles modelos, por iso Alberto, convenceu a Puri de que as súas bolsas de tea representaban tan ben a enxebreza e eran tan feitiñas que tiñan que comercializalas. Cando o proxecto largou amarras, Marcos enrolouse na tripulación levando o e-commerce da marca. Así naceu OC29 que, de ser só unha pedra do século XVII nunha rúa compostelá, a converterse nunha marca que aposta por unha saudable loucura, polo orgullo da culura galega e polo feminismo que asolaga as rúas.
Tendo en mente a idea de acabar co plástico que ensucia os océanos, a marca fabrica as súas tote bags, mochilas, camisetas e suadoiros de forma sustentable, usando algodón, fuxindo de tecidos sintéticos e en fábricas de produción local. O desexo deste proxecto é que coidemos do noso mar, ese que tanto nos dá, e que levemos sempre unha bolsa de tea no peto para renunciar de vez ao plástico. Ademais de duradeiros, queren que os seus produtos sexan únicos, polo que foxen da estandarización da moda fabricando en series limitadas de 29 unidades. É máis probable que dous vestidos coincidan na alfombra vermella a que dúas tote bags cos letreiros de «A cona!» ou «Morriña» coincidan na feira de Bouzas un domingo cando «fai un sol de carallo». Exclusivas Genuine Jalician Goods facendo sombra a calquera prenda de alta costura.
Se queres facer gala da cultura popular, presumir da nosa lingua ou da nosa cidade, se es unha muller libre, rabuda, meiga ou brava... Se acabas calquera discusión cun potente «vai rañala», se cada vez que saes de festa «rachas coa pana» ou se a ti tamén che dixeron mil veces iso de «sentidiño», tes que visitar xa a web ocarallovintenove.com e buscar nas redes sociais por @ocarallo29.vgo, ou pasar pola tenda Alma Salvaje, no número 3 da rúa do Pintor Laxeiro.
[Esta reportaxe pertence á revista A movida de abril de 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón.]
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Triqueta Editora, pequenos grandes lectores - 7 Novembro, 2024
- Newt Crafts, artesanía arraigada - 27 Setembro, 2024
- Éxfico Clothing, recortes con estilo - 16 Xullo, 2024
- Noc Noc Estudio, a moda chama á porta - 21 Xuño, 2024
- Malahostia, moda con moito xenio - 27 Maio, 2024