O Son da Industria, un festival en galego e feminista por San Xoán
A asociación As da Industria volven mans á obra, neste caso coa primeira edición do festival Son da Industria, un evento 100% en galego e coa muller como protagonista. Será este sábado 22 e domingo 23 no parque de Joaquín García Pícher, onde haberá música, comida e bebida a prezos populares, unha fogueira e moi bo rollo. E de balde!
A asociación sociocultural As da Industria segue no seu camiño de encher de vida, como din elas, “un barrio que non ten nome, pero xira en torno a un home de ferro”. Nesta ocasión organizan por primeira vez o festival Son da Industria, que pretende reunir á veciñanza os días 22 e 23 de xuño no parque de Joaquín García Picher, fronte ao Toys ‘r’ Us. Un evento totalmente de balde, en galego e de marcado carácter feminista, como todos os actos que realizan desde esta asociación.
A festa comezará o sábado 22 ao redor das 21:00 co concerto das Punkiereteiras, música tradicional con actitude rebelde e loitadora. Tras elas virá Su Garrido Pombo, cantautora local de voz única que mestura xéneros como bossa, folk, jazz ou latin de forma propia e novidosa. O cuarteto Cuarta Xusta tomarán o relevo co seu rock n roll reivindicativo e, para rematar a xornada, Flow de Toxo compartirá co público ás súas letras cargadas de feminismo e amor polo rural.
Ás 20:00 do domingo volve a troula, nesta ocasión para as crianzas, con Zona en obras, a nova tolería de Brais das Hortas. Contos, música, títeres, instrumentos con obxectos e moita interacción co público. O propio Brais non baixará do escenario, xa que acto seguido actuará co seu alter ego Pepe King noutro dos seus proxectos, Blues do País, acompañado por Bieita James. Xuntos versionarán clásicos do blues, soul, rythm’n’blues… e adaptaranos á idiosincrasia e retranca galegas.
Como non podía ser menos, non faltará unha boa fogueira de San Xoán despois do concerto, que virá sucedida pola actuación do grupo de punk rock garage en galego internacional Os Putos. Ambos os dous días haberá comida vegana a cargo da Cova dos Ratos e bebida a prezos populares. A continuación podedes ver a simpática comparativa que facían entre o seu festival e O Son do Camiño.