O programa ‘Cachitos’ de TVE remóntanos á Movida Viguesa
Cachitos de hierro y cromo, o famoso programa de historia musical de La 2 de TVE, dedicou o seu capítulo desta semana ás outras movidas. Non, non nos referimos á sección da nosa revista en papel, senón ás diferentes escenas musicais que houbo nos oitenta máis aló da capital de España. Se alguén quere profundizar aínda máis nestes anos recomendamos os libros Vigo a 80 revolucións por minuto, de Emilio Alonso ou o fotolibro Vigo, a explosión dos 80 de Víctor de las Heras, ambos da editorial Xerais. (Foto destacada: Siniestro Total bajo el Scalextric, de Víctor de las Heras)
A primeira parada desta viaxe pola periferia peninsular, como non, foi Vigo. Xunto coa madrileña, foi a escena máis recoñecida do Estado, de aí aquel famoso irmandamento de Madrid se escribe con V de Vigo que, ironicamente, supuxo a fin da nosa Movida. É sorprendente o arquivo audiovisual que ten a canle estatal, que rescata do esquecemento vídeos e bandas case descoñecidos. Todo ese material é intercalado polos comentarios da presentadora Virginia Díaz e por divertidos subtítulos que complementan o visionado.
Comenta Díaz que daquelas “en Vigo había máis bandas que músicos”, xa que cada un deles tocaba en varias agrupacións á vez. A primeira banda viguesa en aparecer en pantalla son Os Resentidos, co canto a Galicia que é “Jei”. Unha banda única liderada por Antón Reixa que mesturaba modernidade e tradición, hip hop e folclore. Os seguintes en pasar polo televisor foron Aerolíneas Federales, con Coral Alonso cantando “Soy una punk”.
Este proxecto creouno Miguel Costas en paralelo con Siniestro Total, outra das paradas obrigatorias neste nostálxico repaso. Nos primeiros anos, o cantante da banda máis famosa de Vigo era Germán Coppini, quen acabou por crear Golpes Bajos, a outra banda local oitenteira por excelencia. O seu estilo escuro e ecléctico, con melodías e letras moito máis complexas do habitual, convertiunos nun grupo de culto para moita xente. Un bo exemplo é este “Malos tiempos para la lírica”, lamentablemente moi de actualidade neste 2021.
Bromea o Que, a banda capitaneada por Nicolás Pastoriza, tamén tivo o seu espazo cun divertido videoclip. Los Culpables é unha desas bandas que a maioría tendemos a esquecer ao falar daqueles anos, e o mesmo pasa El Acto. Afortunadamente o potente arquivo de TVE conserva material de ambas agrupacións. Club Naval, que actualmente dedícanse principalmente ao mundo das BBC (Bodas, Bautizos y Comuniones) sorpréndenos con “Tú no me quieres”, un tema de electro pop que foi a canción da Volta España en Veleiro.
Máis abraiante é o estilo de Ultramarinos Troncoso, os Kraftwerk vigueses, con todos os intrumentos cubertos con papel de aluminio. Victor Coyote, aínda que nado en Tui, forma Los Coyotes xa en Madrid, é antes de ser precursor do chamado rock laitono (do que Santiago Auserón tomaría boa nota para Radio Futura), pegáballe a xéneros como o psychobilly ou o punk. Tampouco podía faltar Alberto Comesaña e os seus Semen Up, con esas letras sensuais e provocativas. Comesaña volve a estar de actualidade debido á volta de Amistades Peligrosas, o seu proxecto musical dos últimos 30 anos aínda que de maneira intermitente.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024