COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

O marquesado das delicias

A pesar do auxe de centros comerciais e grandes almacéns, en Vigo podemos presumir de ter un bo número de tendas de barrio, comercios que libran unha batalla diaria contra as grandes superficies a base de produtos únicos, trato persoal e proximidade. O quilómetro cero das tendas de produtos gourmet atopámolo na contorna da rúa do Marqués de Valadares, ben preto do casco vello e da Porta do Sol. Nesta zona temos un bo feixe de negocios que achegan produtos delicatessen, delicias coas que unha pode encher a cesta da compra paseando de tenda en tenda a base de primeira calidade.

Vazey, de grumete a gourmet

Chacinaría Vazey | Rúa da Reconquista, 6 | 986 223 300 | charcuteriavazey.es | Facebook: Charcuteria Vazey

Pedro Martín coas súas empregadas Rosi e Margarita.

Estamos perante unha deses negocios de toda a vida que desafían o século actual con armas tan contundentes como xamóns de landra, conservas especiais ou os mellores ingredientes para o cocido. Este ultramarinos non naceu como tal, senón como un almacén para os embutidos que os fundadores empezaron a traer de Chantada desde 1955. De feito, a tenda conserva no teito os raís dos que Eyre e Vázquez colgaron os primeiros xamóns ibéricos que se venderon na nosa cidade. «Este era un dos poucos lugares onde que atopar embutidos, patés ou champañas de calidade antes de que chegase El Corte Inglés», conta Pedro Martín, o actual dono da tenda, que adquiriu por traspaso hai oito anos. […] «O noso valor diferencial é o de ofrecer produtos que non están no supermercado, pero sobre todo o trato directo co cliente; mantemos os bos costumes das tendas de barrio, de coñecer á clientela polo nome e de dedicar tempo a asesorar na compra», explica Martín, orgulloso de ter un establecemento no que a xente desfruta tanto mercando como charlando. A selección de produtos é ampla, con chocolates, licores ou viños, pasando por conservas da terra ou doces propios desta época, como manteigados e turróns… Aínda que cando preguntamos polo produto estrela, a tradición imponse: o xamón. «Os nosos xamóns son dunha calidade excepcional. O mellor xamón que poidas atopar no súper será, como moito, o peor dos que temos aquí». Engade un par de produtos estelares máis: «as conservas, todas de alta calidade; algunhas delas son moi difíciles de  atopar noutros lugares» […]

La Chinata, ouro líquido

La Chinata | Rúa do Marqués de Valladares, 21 | 986 221 395 | lachinata.es | Facebook: LaChinataVigo | Instagram: chinatavigo

Carlos Aldao.

A cidade olívica non podía faltar no mapa da franquía La Chinata, nacida na Serra de Gata […]. Tras o mostrador da sucursal viguesa, inaugurada en 2011, atopamos a Carlos Aldao, un deseñador gráfico convertido en tendeiro que confesa desfruta da súa nova profesión, especialmente coa distribución dos produtos na tenda e coa decoración dos escaparates. E é que, sen dúbida, os produtos desta oleoteca entran polos ollos: botellas e frascos que se presentan ante nós cun deseño que os converte en obxectos de desexo ideais para o regalo, pero para Carlos teñen aínda algo mellor: «A relación calidade-prezo». En La Chinata podemos atopar un amplo abano de produtos […]: chocolates, marmeladas, patés… Entre aceites de todos os tipos, discriminados por acidez, condimentados ou mesmo a granel. Á parte, aquí temos unha sección de cosmética, que non se desmarca da elaboración aceiteira, cunha vizosa gama de produtos, moitos deles con ingredientes de agricultura ecolóxica, sen parabenos nin substancias agresivas. Carlos ten claro que a xente acode a esta tenda pola calidade: «Temos o mellor aceite de oliva virxe extra da cidade, ao mesmo prezo que o do supermercado, polo que a decisión está moi clara; toda a xente que o proba, repite». Ademais, tamén elaboran cestas e caixas de agasallo moi axeitadas para sorprender aos nosos seres queridos nesta época do ano […].

Marqués de Valladares, abandeirando o queixo

Queixería Marqués de Valladares | Rúa de Marqués de Valladares, 21 | 986 192 459 | queseriamarquesdevalladares.com | Facebook: queseriamarquesdevalladares | Instagram: queseriamarquesdevalladares

Alejandro Montes.

Quería crear algo inédito na cidade e deixou un traballo en Madrid no ámbito deportivo para aventurarse a emprender un negocio a base da súa gran paixón: o queixo. Falamos de Alejandro Montes, que en 2015 creou un punto de encontro para pequenos produtores que non tiñan cabida no mercado […]: «Aquí foméntase a cultura do queixo, facendo viable producir e vender un produto de calidade con cariño». Un modelo de negocio pensado para o crecemento colectivo, cuxo meirande logro é o de poñerlle rostro aos queixos: «Coñecemos persoalmente os artesáns e gandeiros cos que traballamos; queremos que a xente saiba como e onde se elaboran os queixos que levan á casa, quen está detrás do queixo». Ademais, priorízase o produto de proximidade, queixos do país e estatais enchen esta tenda que, en raras ocasións, tamén importa produtos estranxeiros. […] «O maior traballo antes de abrir a tenda foi percorrer a xeografía española buscando os produtores que quería mostrar». Cando lle preguntamos polo produto máis vendido, delata o padal pouco aventureiro que temos os galegos: «Sen dúbida, a tetilla». O recanto traseiro desta tenda acolle obradoiros e catas con maridaxe de viños ou cervexas, degustando algúns dos bos manxares que temos aquí.

Paula Cermeño

[Podes ler a reportaxe íntegra na revista A movida de decembro. Faite con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER]

SONRIAS
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.