O Marisquiño enfila a súa edición máis ambiciosa en tres espazos da cidade
O Marisquiño afronta a súa edición máis ambiciosa ata a data os próximos 12, 13 e 14 de agosto. A diferenza dos últimos anos, esta vez o festival deslocalízase en tres espazos diferentes: o habitual paseo das Avenidas, no Náutico; a praza do centro comercial Vialia e a praia de Samil. Entre as outras novidades destacan a volta do Dirt Jump e a programación musical. O obxectivo cara 2025 é convertirse no mellor festival deste tipo do mundo.
A organización do Marisquiño, o festival de cultura urbana e deportes de acción que se vén celebrando en Vigo desde hai dúas décadas, está a poñer toda a carne no asador. Aínda que esta frase poida soar manida, así o transmitiron aos medios os seus responsables nunha rolda de prensa este venres no novo Hotel Attica de Samil. Máis aló desta edición, o festival ten un plan estratéxico de crecemento ata o ano 2025 que ten como principal obxectivo aupar o evento como o máis importante do mundo na súa tipoloxía. Baixo o seu criterio, os pasos que se están a dar nesta dirección son os correctos e esta edición de 2022 vai ser vital para acadar esta ambiciosa meta.
Centrándonos no evento do mes que vén, O Marisquiño celebrarase os días 12, 13 e 14 de agosto en tres espazos da cidade: o habitual paseo das Avenidas, no Náutico; a praza do centro comercial Vialia e a praia de Samil. O primeiro será a zona central do festival, onde terán lugar as disciplinas de Flatland, Dirt Jump, Big Jump, BMX, Break Dance, Grafitti e o apartado musical, que coñeceremos a comezos da semana que vén. No caso de Vialia, a praza superior albergará a proba de Basket 3×3, concretamente na actual pista de fútbol, que será reacondicionada para este evento. Por último, o aparcadoiro central de Samil, o máis achegado á piscina coa Ponte de Rande, acollerá as probas de skate nun gran e mellorado circuíto.
Haberá un plan de mobilidade para unir da maneira máis eficiente posible estas tres localizacións. Reforzarase o transporte público entre estes sitios e se habilitará un carril para bicis e patinetes pola Avenida de Europa, para facilitar que a xente poida achegarse ás probas de skate en Samil. O último barco rumbo ao Morrazo será ás 2 da madrugada, para que o público do outro lado da ría poida desfrutar das xornadas ao completo. Por último, Renfe ofrecerá descontos para quen veña a Vigo a gozar do Marisquiño.
Esta descentralización débese a que nas últimas edicións prepandemia a cantidade de xente que se acumulaba nas Avenidas podía chegar a ser excesiva, dificultando o movemento, a comodidade e a visualización das probas. Ademais, tamén supoñía un problema de seguridade. Desta maneira, o evento dividirase en tres minifestivais, pois todos contarán con probas deportivas, música, gradas e barras para beber. Lembremos tamén que Samil xa acolleu algunhas edicións do Marisquiño nos seus primeiros anos, tras comezar no alto do Castro, polo que tamén pode verse como unha volta ás orixes.
Outra das novidades é a volta do Dirt Jump, unha das probas máis espectaculares do festival. Para aumentar esta sensación, o punto de saída dos riders estará aínda máis alto (12 metros, tres más que na última edición) e a rampa máis inclinada (un 75% de pendente). Esta proba, que non se celebrou nas últimas edicións por mor da pandemia, suponlle ao festival un desembolso duns 280.000€, case un 20% do total do orzamento. O descenso urbano, posiblemente a outra proba que máis expectación xera, arrincará este ano desde o alto da fortaleza do Castro e rematará no Berbés, polo que duplicará a súa distancia (sobre dous quilómetros), convertíndose nun dos cinco mellores circuítos desta disciplina do mundo. O famoso Salto Nissan por enriba dun coche esta vez será na Praza do Rei.
Máis novidades: o día 11 será o Family Day. Isto é, a rapazada poderá acudir coa súa familia a numerosos obradoiros e practicar nas mesmas pistas e circuítos que os deportistas profesionais. Unha forma divertida de crear canteira e espertar o interese dos máis pequenos. Outra boa nova é a volta dos concertos e DJ, unha parte esencial que nestas últimas edicións tamén estivo ausente. “Foron anos moi tristes”, comentou ao respecto Joako Ezpeleta, director de OM. O apartado musical está patrocinado por Budweiser, o último gran patrocinador do festival. A empresa estadounidese de cervexa é a líder do mercado mundial deste produto, polo que semella que se están a facer ben as cousas desde Vigo para chamar a atención dunha empresa estranxeira dese calibre. O escenario principal estará no peirao de trasatlánticos, xunto á nova zona de restauración. O escenario para as batallas de gallos estará preto do tinglado, onde tivo lugar o derrubamento hai tres anos. Accidente que, por fin, xa está arranxado, o que ofrecerá unha mellor imaxe da zona.
Malia o optimismo da organización, esta edición tamén está a ter as súas complicacións. A sobrecarga de eventos culturais e musicais, a escaseza de materiais de produción e o aumento dos prezos destes nun 30 ou 40% son algúns deles, mais isto non impide que os traballadores de OM, un total de 450 persoas de maneira directa, vaian a ofrecer o mellor de si para sacar adiante o evento. Unha das melloras, por exemplo, é o aumento do número de gradas para todas as probas, que se duplica. O orzamento que manexa o evento este ano é, agora mesmo, de 1.450.000€, dos cales un 60% son cartos públicos (600.000€ Concello e Deputación; 300.000€ Xunta) e o 40% restante vén de fontes privadas. O obxectivo, se o clima o permite, é recibir a máis de 200.000 persoas ao longo dos tres días.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024