VIALIA
CAMELIAS NADAL

O Marisquiño suma a copa mundial de BMX á súa edición deste verán

O Marisquiño anuncia que se celebrará entre o 6 e o 8 de agosto e suma unha nova copa do mundo á súa edición deste 2021. O BMX é unha das disciplinas clásicas do festival e a integración no calendario da Copa do Mundo supón un novo impulso ao evento, que este ano non terá concertos nin actividade nocturna.

O Marisquiño suma unha nova Copa do Mundo ao seu programa, despois de que a Unión Ciclista Internacional (UCI) concedese a categoría C1 do circuíto internacional da Copa do Mundo de BMX Freestyle á proba de Vigo. En total, o calendario de probas da Copa do Mundo de BMX Freestyle inclúe 16 paradas mundiais. A proba de Vigo será a primeira que se celebre tras os Xogos Olímpicos de Tokyo, que tamén inclúen esta disciplina no seu programa.

CAMELIAS NADAL

A Copa de Mundo de BMX Freestyle atraerá aos riders federados máis importantes do mundo, que virán competir pola Copa Mundial e compartirán o circuíto coa categoría Open que vén celebrando no festival nos últimos anos. Desta forma, O Marisquiño pasa a contar cunha nova proba puntuable para a Copa Mundial no seu programa que se suma ás de Skate, Dirt Jump e Basket 3×3.

Polo momento, están confirmadas a celebración das probas anteriormente mencionadas e Break Dance pero séguese negociando a incorporación doutras disciplinas ao programa de O Marisquiño XX, que a pesar das súas limitacións por mor da pandemia, consolídase como o gran evento do deporte urbano en España e un dos poucos do mundo con 4 copas mundiais no mesmo evento. Este ano potenciaranse aínda máis as retransmisións en liña das probas que forman o programa do festival, para facilitar o seu visionado a todas as persoas interesadas que non poidan acudir.

O que si pode confirmarse é que o festival non terá en 2021 actividade nocturna, con concertos en vivo ou sesións de DJ, s como se celebraban en edicións pasadas. A aposta pola máxima seguridade sanitaria, que é a prioridade absoluta para 2021, fixo que a organización decidise prescindir nesta oportunidade de todo tipo de actuacións musicais e tamén restrinxir toda a actividade do recinto ao horario de 11:00 a 22:00, aínda que este período podería limitarse aínda máis se se considera necesario por parte das autoridades e da normativa vixente no momento de celebración do festival.