REVISTA ABRIL

O MARCO recupera a obra do xenio esquecido Alfonso Galván

Este venres 4 o Marco inaugura unha exposición sobre o pintor madrileño Alfonso Galván, que estará dispoñible ata o 7 de setembro en dous espazos do primeiro andar. Malia que o autor de oitenta anos non puido estar presente na inauguración por motivos de saúde, a súa filla María asegurou que acudiría máis adiante para facer unha visita guiada pola mostra.

Alfonso Galván (Madrid, 1945) é un artista en extremo persoal, creador dun mundo marcado pola síntese entre o rigor da súa entrega, o coñecemento do que quere contar, o dominio de como contalo e unha fantasía desbordante. Unha imaxe vista ou un recordo son detonantes do arranque dun proceso creativo no que o tempo se detén, porque a imaxe crece moi lenta, allea ao ritmo exterior. A pintura non pretende representar unha escena senón mostrarnos a súa paisaxe, a súa historia, a súa memoria, os seus ecos.

A súa obra inicial ten un forte contido social, para proseguir con imaxes dunha natureza onírica, na que se mesturan as referencias culturais, os símbolos, os xogos. Todo sucede e entrelázase. Galván pinta sen bosquexos previos: entra na tea ou o papel co ánimo de habitalo e deixar rexistro do que acontece, ata chegar con frecuencia a cadros case infinitos, aos que a multiplicación de paneis lles dá un aire narrativo, mesmo de percorrido circular. Convén deterse en cada cadro, percorrelo como foi pintado, na certeza de que descubriremos acenos, xogos, interrogantes, microcosmos.

A mostra, que non ten un sentido cronolóxico estrito, establece dúas atmosferas: unha dominada pola presenza de animais en escenas densas, pechadas, de forte contido ficcional, utilizando como punto de partida documentos e fotografías familiares tomadas en África nos anos 50; outro en aparencia máis lírico, con paisaxes abertas e referencias orientalistas, con inclusión de textos en chinés, en especial do Daodejing, que Alfonso Galván traduciu, ilustrou e caligrafou. Ambas as dúas seccións serven de reflexión para entender unha traxectoria na que o proceso da pintura decide o seu desenvolvemento e o seu final.

Alfonso Galván nin busca reproducir a realidade nin traballa fronte a ela, pero necesita controlar, respirar aquilo que lle preocupa, por iso aínda que pinta nun estudio pechado, sen bosquexos previos, vive na natureza, e cando sente unha forte atracción pola cultura chinesa, aprende o seu idioma e introduce os seus signos nos cadros. Unha elección que é similar á que o leva a pintar un mural con leves capas de tinta e lapis, e o empeño dura case dez anos.

REVISTA ABRIL

Artista con frecuencia esquecido nos balances que revisan a pintura española, malia a súa sorprendente irrupción a mediados dos anos 70, cunha obra distinta á da súa xeración e a anterior, está presente en coleccións como a do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.