UVIGO
FILLOAS

Miguel Fernández-Cid (director do MARCO): ‘O online é complementario e non pode substituír ao contacto directo coa obra’

O MARCO é o principal lugar de encontro na cidade para os amantes e curiosos da arte contemporánea. A institución leva aberta 18 anos, nun lugar e edificio privilexiados na Rúa do Príncipe aínda que hoxe, no Día Internacional dos Museos, permanece pechado debido a crise sanitaria. Falamos co seu actual director, Miguel Fernández-Cid, sobre os retos de dirixir esta institución en tempos de pandemia e das novidades coas que afrontan a reapertura, a partir do 2 de xuño.

Cal debe ser a principal misión dun museo como o MARCO?

Nestes momento e a grandes rasgos, o MARCO ocúpase de confrontar o local galego coas propostas de actualidade chegadas de todas partes. Xusto cando tivemos que pechar tiñamos dous exemplos disto. Por unha parte, unha exposición de Manuel Colmeiro que aborda os momentos de cambio na súa obra, tanto de indecisión como de definición, pomo poden ser o seu paso por Bos Aires e París ou a Guerra Civil. Con este tipo de traballos moi documentados propoñemos outra mirada sobre artistas aparentemente moi coñecidos. Por outra banda, sempre buscamos o achegamento coa actualidade, neste caso coa proposta de Yolanda Herranz que incide na reivindicación da muller na soiciedade e na arte.

Que perfil de usuarios atrae o MARCO?

O público é heteroxéneo porque así o procuramos. A metade dos nosos visitantes veñen a actividades como o curso de introducción a arte contemporánea, de cine ou o clube de lectura, polo que teñen intereses diversificados. Procuramos a pluralidade pois pensamos que ese é un dos camiños do futuro inmediato dos museos: ser capaz de incluir a cantos máis tipos de persoas mellor. Agora miramos a colectivos como as persoas con discapacidade, maiores ou de exclusión social. Hai unha tendencia xeralizada a distanciarnos do concepto dos séculos XIX e XX, cando os museos eran templo do saber reservados a eruditos e estudiosos.

Hoxe celebramos o Día Internacional dos Museos cuxo lema é precisamente ‘diversidade e inclusión’. Como vivistes este día tendo o museo pechado?

O DIM é un día importante para nós, e neste caso tamén un día estrano. Eu o digo sempre claramente, o museo debe conseguir que a xente se achegue a ver en directo as obras. Ao non haber actividades presenciais, a efeméride colle un tinte de tristura. O contratempo serviunos para asumir o reto de planificar por primera vez únicamente de xeito online e comprobar que é un campo que debemos desenvolver.

Cales son os retos para os museos nesta nova fase?

O reto segue sendo o de investigar e achegar coñecemento sobre as artes plásticas. Insisto en que o online é complementario e non poden substituír ao contacto directo coa obra. A sorpresa do diálogo presencial coas obras é fundamental. Eu recordó o primeira vez que vin ‘A balsa da Medusa’ e sorpredinme coas dimensións. Nese momento pensas na importancia dos recursos pictóricos que, neste caso, logran unha sensación de obra de gran formato, cando a realidade é outra.

Haberá entón novidades en canto á presenza dixital do museo?

Si, pero na súa xusta proporción. O reto constante é saber utilizar os medios en cada situación, neste caso dixitais. Xa estamos traballando nun MARCO virtual, para que esta situación de necesidade dea froitos a longo prazo, pero sigo insistindo en que serán un complemento á experiencia directa.

Esta entrevista forma parte da serie #HistoriasDaDesescalada, un retrato por fascículos sobre como a cidade de Vigo esperta na ‘nova normalidade’ no que aportaremos os puntos de vista dos diferentes actores culturais, desde artistas a axitadores, sen esquecer as salas e a todos aqueles que, dun xeito ou outro, fan a súa achega diaria ao ecosistema cultural vigués.

CAMELIAS NADAL
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.