UVIGO
FILLOAS

O Magomóbil do Mago Antón desembarca en Coia co espectáculo ‘LED’

O famoso Mago Antón, referente da maxia galega desde hai décadas, xa ten o seu Magomóbil aparcado na Avenida de Castelao, en Coia. Alí realizará catro funcións diarias do seu novo espectáculo LED (Levitación, Escapismo, Desaparición) ata o 14 de xaneiro.

Hai 33 anos o Mago Antón estaba no barrio de Coia co seu famoso espectáculo Merlín e familia. Era unha gran montaxe nuha gran carpa con capacidade para un milleiro de persoas, teatro de maxia no que o artista era cortado pola metade, escapaba dun enorme acuario, aparecía e desaparecía, liberábase de ataduras en tempo record… Agora podemos volver desfrutar dos seus increibles trucos no mesmo lugar pero cun novo espectáculo cuxo nome venlle como anel ao dedo a Vigo: LED, que son as siglas de Levitación, Escapismo e Desaparición.

O Mago Antón deseñou este espectáculo específicamente para a nosa cidade e defíneo con tres características, “proximidade, comunicación e asombro”. LED quere poñer en valor a arte escénica da maxia utilizando xogos orixinais do propio mago, sempre moi preto do público.

O seu xa coñecido Magomóbil, ese trailer co vai levando a maxia por todo o país, atópase aparcado á beira do Circo de Nadal, na Avenida de Castelao. A idea do Magomóbil naceu despois de facer varios espectáculos de gran formato, procurando ideas para volver ao encontro máis íntimo co público. Trátase dun “pequeno teatro sobre rodas, con iluminación, escenario, cadeiras e, o máis importante, poder ter o público a centímetros de distancia”, explica o ilusionista. Cando naceu resultou un formato moi innovador e segue a darlle moi bos resultados.

No Magomóbil, que ten dunha capacidade para arredor de 70 persoas, é onde terán lugar as catro sesións diarias dunha hora cada unha que o Mago Antón realizará ata o 14 de xaneiro (consultar aquí as datas e horarios) . As entradas poden adquirirse na porta ou en Ataquilla. O show está recomendado para todas idades, polo que grandes e pequenos desfrutarán dos seus trucos imposibles.

Os magos vigueses de Magia en la Manga, cando falamos con eles xusto antes de abrir o seu local no Casco Vello Alto, definiron ao Mago Antón como “un referente que abriu a porta a todos os magos de Galicia”. Ante estes afagos, Antón responde con modestia que “sempre se interesou máis”sempre pensei no que me inflúen os demais, non no que inflúo eu sobre eles” e aconsella ás novas xeracións que busquen referentes non só na maxia, tamén no teatro, a danza.

Un terzo de século pasou desde que o Mago Antón nos visitou por primeira vez, pero para el pouco mudou na súa profesión. “O único que sigue intacto é a inocencia, o público do século XXI sorpréndese da mesma maneira que o público de principios do século XX. Ter ilusión e pensar que o imposible pode ser posible é algo innato ao ser humano”

CAMELIAS NADAL
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.