O filme ‘+Cuñados’, comedia de situación á feira que mellora á orixinal
O pasado venres estreouse nas salas de cine de toda Galicia +Cuñados, a segunda parte da saga cómica iniciada en 2021 e protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez. Este último estivo o domingo nos Multicines Norte presentando o filme dirixido por Luis Avilés.
Hai tres anos estreábase en Galicia e no resto de España o filme Cuñados, unha comedia sinxela e divertida que acadou boa acollida tanto de público como de crítica. Conseguiu atraer a máis de 50.000 espectadores ás salas de cine e coarse entre as 25 películas con maior recadación de España en 2021. Foi a estrea en galego máis ampla da historia, con 135 pantallas en toda España. No ámbito profesional, os principais diarios e medios especializados estatais fixeron recensións positivas do filme, destacando a súa naturalidade e o bo traballo do elenco protagonista. Todo isto, ademais, nunha época moi complicada para as salas debido ás restriccións pola pandemia.
O certo é que, alén de gustos persoais, o cinema galego precisaba dun filme así. O cine non deixa de ser unha industria e, como tal, precisa de facer cartos e ser rendible. A maioría de obras indepententes galegas, moito máis habituais nestes lares, non logran mobilizar á cidadanía nin calar no discurso popular, xerando unha barreira entre creadores e consumidores. Este tipo de películas amables e dirixidas a todos os públicos (e en galego, non o esquezamos) abre a porta do noso cinema a moita xente que, doutro xeito, non pagaría unha entrada para ver cine galego. Obras multipremiadas como O que arde e O corno só deben ser unha parte dun ecosistema variado e rico.
Volvendo ao que nos atangue, +Cuñados retoma a historia pouco tempo despois de onde a deixou a súa predecesora. Polo tanto, non é obrigatorio pero si recomendable tela visto antes para comprender algo mellor o punto de partida da trama e a evolución dos personaxes. Eduardo, Sabonis e Modesto, interpretados por Miguel de Lira, Xosé A. Touriñán e Federico Pérez, respectivamente, representan, en palabras deste último, “o patetismo do ser humano”.
Liantes profesionais, teñen un talento innato para meterse en problemas e agravalos a medida que tentan solucionalos. Os tres personaxes funcionan como un só, e as escenas máis divertidas son nas que os tres aparecen en plano. O resto do elenco, coa participación da viguesa María Vázquez, tamén realiza un bo traballo, pero máis discreto nun guion feito para que brille o tridente protagonistas. Todo isto co pano de fondo do Entroido ourensán, un escenario de fantasía e descontrol.
Esta segunda parte, malia ter unha historia algo menos redonda que a primeira e un final algo preguiceiro, funciona como un reloxo á hora de facer rir. Manexa perfectamente os tempos e ofrece unha boa mostra do que é unha boa comedia de situación, que non precisa estar facendo chistes continuamente para sacarnos un sorriso. Outro punto positivo é a naturalidade coa que se mesturan os personaxes (e os idiomas) galegos e portugueses, sen necesidade de subtítulos para ser comprendidos. Cos seus defectos, paréceme que a secuela supera á orixinal, que en ocasións pecaba de ser unha publirreportaxe de Ourense, das súas paisaxes e a súa gastronomía. +Cuñados volve mesturar comedia e cinema negro para proporcionarnos unha hora e media agradable con tres actores en estado de graza.
Orixes de Cuñados
No coloquio posterior á proxección, o actor Federico Pérez recoñeceu estar moi contento co resultado final da película, malia considerala menos redonda que a primeira. Un dos motivos, pensa, foi que a rodaxe foi moito máis rápida que a da súa predecesora: só cinco semanas.
Tras coincidir en Los Fenómenos, de Alfonso Zarauza, con Tourñán e De Lira, pensaron en preparar unha sorte de spin off das súas personaxes, que levaría por título Os autónomos. O seu carácter social non axudou a vendela, e despois de moitas idas e vidas, converteuse no que hoxe coñecemos como Cuñados. Unha das ideas que barallaban era a de facer unha serie sobre estes tres personaxes, pero finalmente optouse polo formato cinematográfico que, polo momento, xa leva dúas entregas. Para a terceira, en caso de habela, gustarialle que o seu personaxe, Modesto, chegase a alcalde de Ourense para poder facer unha parodia de “Jácome ou Abel Caballero”. O actor de Mazaricos tamén recorda a falta de apoio da Televisión de Galicia ao primeiro filme porque non acababan de verlle potencial: “Vaia visión de negocios que teñen”, engadiu con humor.
A anécdota
Como dicimos, +Cuñados está ambientada no Entroido ourensán, unha das festas máis populares de Galicia. A maioría de escenas carnavalescas nas rúas de Ourense, como é habitual no cine, están falseadas. É dicir, foron rodadas con numerosos extras fóra dos días de Entroido. Todas agás unha: o elenco participou de verdade na comparsa do ano pasado, disfrazados de polbos, pementeiras e tesoiras. Ademais, gañaron o premio á carroza co mellor deseño, e iso que eses mesmos disfraces xa participaran o pasado ano na comparsa: “Eu aínda non vin nada dos 500 euros que gañamos”, comenta Federico.
Sinopse
Un cadáver aparece xusto no medio da ponte internacional de Tui.
Uns días antes…
O Entroido está aquí e a familia Ribeiro prepárase para festexar unha das tradicións preferidas de todo bo ourensán. Pasaron dous anos dende a detención de Alicia Zamora e o seu socio portugués. Os cuñados montaron un posto de polbo en Ourense, a maneira perfecta para branquear o diñeiro do botín que lles caeu do ceo. Entre unha cosa e a outra, Modesto converteuse nun membro máis da familia. Un cuñado máis. A aparición en Ourense de Andreia Nunes (a parella do portugués) en busca de vinganza, complicará as cousas para os cuñados, meténdoos nun novo enredo que acabará cun cadáver no medio da ponte internacional de Tui. E que converterá este Carnaval nun auténtico baile de máscaras.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024