VIALIA
bannerPicnicSesions

A comedia galega ‘Cuñados’ estréase este venres en cines

Este venres 9 de abril estréase en salas Cuñados, unha comedia galega protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey. Producida por Portocabo (Hierro, Auga Seca), rodada en Ourense e dirixida polo debutante Toño López, fala das peripecias de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado. En Vigo poderá verse nos cines de Gran Vía e Travesía.

Xosé A. Touriñán, Federico Pérez Rey e Miguel de Lira nun fotograma do filme | Cuñados

A causa da covid, da falta de oferta e do bo tempo, moitas salas de cinema non están a pasar polos seus mellores días. Mesmo algunhas permanecen pechadas desde o inicio da pandemia, como é o caso dos Multicines Norte. Cuñados é un deses filmes amables e dirixidos ao público xeral que de seguro traerán xente ás salas, como nos últimos anos ten ocurrido a nivel estatal con outras comedias como Ocho apellidos vascos ou Padre no hay más que uno.

REVISTA ABRIL

Protagonizada por tres solventes actores como Xosé A. Touriñán, Federico Pérez Rey e, especialmente, Miguel de Lira, a trama cóntanos como estes cuñados, de bo corazón pero sen demasiadas luces, vense envoltos nunha lea que inclúe raptos e moitos cartos. Estas secuencias de enredo intercalaranse con outras máis prescindibles, cun reparto feminino (Eva Fernández, Iolanda Muíños e María Vázquez) sorprendentemente infrautilizado. No equipo técnico atopamos a Toño López na dirección, Araceli Gonda no guión, Jaime Pérez na fotografía, Lu Rodríguez na montaxe, Santi Jul e Iván Laxe na música e Andrea Pozo na dirección artística, todos eles profesionais de grande experiencia a nivel nacional e estatal.

A película destaca polo seu ritmo áxil e por unha realización solvente, aínda que en ocasións pode pecar de falta de personalidade: a música e algunhas escenas (sobre todo nas que hai comida polo medio) parecen sacadas da típica comedia lixeira ambientada na Toscana que botan en Antena 3 despois de xantar. Malia a falta de risco, tecnicamente está ben lograda, cun acabado de filme internacional xenérico, que atraerá aos amantes do cinema máis comercial. Tamén conta con varios gags e situacións cómicas que funcionan, especialmente polo bo facer dos tres protagonistas. Unha obra entretida, para todos os públicos e, o máis importante, con denominación de orixe.

Sinopse
Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán) acaban de meter a pata nun dos seus negocios e necesitan diñeiro. Moito diñeiro. Será Sabonis quen atope a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez Rey), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado. Con todo, é o propio Modesto quen pensa un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para fracasar, pero como diría Sabonis, malo será.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.