CAMELIAS

O Festival de Cine Inclusivo incorpora unha sesión dedicada á igualdade

O Festival de Cine Inclusivo que arranca a súa sexta edición o próximo martes día 12, incorpora como novidade unha sesión na que se proxectarán oito curtas nos que o tema central é a muller. Tamén haberá unha charla con esta temática e o venres a directora Paula Cons participará no festival coa proxección e coloquio o seu filme ‘A illa das mentiras’.

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo non deixa de crecer e nesta sexta edición, que terá lugar do 12 ao 16 deste mes, proxectará 54 pezas audiovisuais en tres recintos diferentes: o Auditorio do Concello, os Cines Salesianos e o Museo
MARCO. Ademais o evento cinematográfico incorpora tres novas sesións dedicadas á igualdade, á discapacidade e ao público familiar. Todas as proxeccións son de acceso libre ata completar aforo.
Co obxectivo de fomentar unha sociedade máis inclusiva, o festival incorpora unha sesión de curtametraxes sobre igualdade. Esta sesión terá lugar o sábado 16 no Auditorio do Concello ás 11 da mañá e proxectaranse oito traballos audiovisuais: ‘La voz humana’ de Pedro Almodóvar, ‘Mamá no trabaja’ de María Barragán, ‘Monólogo’ de Pilar García Elegido, ‘Before I die’ de Iker Esteibarlanda, ‘Cigarrillos’ de Rosario Pardo, ‘Dolapo is fine’ de Ethosheia Hylton, ‘The last day of patriachy’ de Olmo Omerzu e ‘La colcha y la madre’ de David Pérez Sañudo. Despois das proxeccións terá lugar a charla AGAG sobre ‘Mulleres reais ficticias: o xénero na nova ficción’, na que participan os guionistas Ángel Manzano e Lidia Fraga. Tamén estará no festival a directora coruñesa Paula Cons, presentando o seu filme ‘A Illa das mentiras’ o venres 15 ás 21.00 h. nos cines Salesianos. O filme narra a historia de tres mulleres que ante o naufraxio dun buque frente a Illa de Sálvora deciden botarse ao mar e conseguen salvar a vida de 48 persoas.
As outras dúas novidades do certame son a incorporación de dúas sesións máis. Por unha parte, o xoves a partir das 17.00 h. no Museo MARCO terá lugar unha sesión específica de curtas arredor da discapacidade, que conta coa particularidade de que as curtas de ficción teñen como protagonistas actores con capacidades diversas. E o sábado ás 11 da mañá tamén no museo MARCO proxectaranse oito curtas dirixidas ao público familiar, para educar aos pequenos na diversidade.

REVISTA OUTUBRO

PROGRAMA COMPLETO: