REVISTA ABRIL

O Festival de Cine Inclusivo acolle a proxección de Valentina e unha sesión de curtas de animación

‘Valentina’, o filme dirixido por Chelo Loureiro e gañador do Goya de Animación o ano pasado, será proxectado o próximo xoves dentro do Festival de Cine Inclusivo; a proxección será adaptada para persoas con autismo. Ademais, o sábado pola mañá haberá unha sesión de curtas de animación dirixidas aos pequenos da casa.

‘Valentina’ proxectarase por partida dobre no Festival de Cine Inclusivo. Primeiro, o martes 18 nun pase para escolas e segundo o xoves 20 aberto a tódalas persoas que o desexen. Chelo Loureiro participará o martes no Auditorio do Concello na sesión Coñece! do festival. A directora conversará co alumnado de primaria das motivacións que lle levaron a facer este filme que narra a historia de Valentina, unha nena con síndrome de Down que soña con ser trapecista. O xoves 20 ás 17h no Auditorio do Concello proxectarase novamente ‘Valentina’ nun pase gratuíto aberto a todo o público. Co afán de achegar o cine ao maior número de persoas, este ano o festival fará, en colaboración con VenTEA, que esta sesión estea adaptada para persoas con autismo.

Valentina non será a única actividade do festival dirixida ao público familiar. Por segundo ano consecutivo, o evento cinematográfico acolle unha sesión de cine para a cativada. Terá lugar o sábado 22 no Museo MARCO a partir das 12 do mediodía. Os pequenos poderán visionar sete curtametraxes de animación coas que se pretende tamén transmitir valores positivos como o traballo en equipo, a tolerancia, a conciencia medioambiental ou non discriminación. As curtas que se proxectarán nesta sesión son: ‘Operación Frankestein’ (2022) de José María Fernández de Vega, ‘La primavera siempre vuelve’ (2021) de Alicia Núñez, ‘Life & butterflies’ (2021) de Pablo Reigada, ‘Skydome’ (2022) de Ana Juesas y Adolfo Aliaga, ‘Bulit’ escucha la naturaleza (2021) de Mikel Urmeneta y Juanjo Elordi, ‘Loop’ (2020) de Pablo Polledri e ‘El Paraguas’ (2022) de Christopher Sánchez Martín.