‘O eterno retorno’ por Manuel Esteban
Hai 70 anos, en 1949, comezaba, baixo a supervisión do arquitecto Martín José Marcide e por encargo do Seguro Obrigatorio de Enfermidade, a construción da residencia Almirante Vierna, que sería, cos seus 75 metros de altura, o segundo edificio máis alto de España o día da súa inauguración, o 16 de setembro de 1955. Eran outros tempos, os tempos da chegada das bateas á ría e da gran medra do polbo. Hoxe o polbo escasea tanto como os médicos substitutos.
Talvez tiña xa por aquel entón Vigo tanto complexo de pequena gran cidade como gana de sublimalo, porque cando chegou Franco para inaugurar o hospital tan só contaba con 64 pacientes de xeito que, segundo recollen os cronistas, alguén decidiu que sería boa idea facer pasar por enfermos a varios indixentes e obreiros da cidade. Eran outros tempos, tempos nos que a Atención Primaria (os vellos médicos de cabeceira) loitaba sen medios e sen case apoio administrativo. Eran outros tempos porque hoxe, pola contra, na nosa cidade sobran pacientes. Aínda que os novos médicos de familia volven sentir aquel mesmo desamparo.
O Pirulí pronto acadou tanta fama que comezaron a chegar autobuses desde toda a comarca para visitalo, e mesmo había orde de acender as luces cando algún transatlántico fondeaba no porto da cidade. Eran outros tempos, pero anunciaban xa megalomanías futuras. Álvaro Cunqueiro mesmo chegou a afirmar que as vistas da cidade desde a última planta eran medicinais. Talvez o ilustre escritor enxergaba o futuro desde alí arriba e podía distinguir a sombra de seis velas co seu nome na parroquia de Beade.
No ano 1983, en plena transformación do noso sistema sanitario a un modelo de cobertura universal e que deixara de financiarse polas cotas dos traballadores, o INSALUD decide cambiarlle o nome ao de Hospital Xeral. Eran outros tempos, tempos de madurez, nos que o edificio cumpría, por fin, as súas arelas. Tempos dun Sistema de Saúde vizoso e forte, que medraba sen complexos ata converterse no mellor do mundo grazas, sobre todo, aos seus profesionais. Tempos nos que Vigo gozaba dunha magnífica saúde.
Hoxe o emblemático edificio asiste ao seu derrubamento e, dun xeito case telúrico, a saúde de Vigo parece, tamén, cambalearse. A Atención Primaria, o armazón esencial do noso sistema sanitario, está a ser desmantelada. Porque estes son, sen dúbida, outros tempos. Tempos novos nos que todo se repite.
Manuel Esteban
Médico de familia, profesor e escritor
[Esta entrevista pertence á revista A movida de Xaneiro de 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]