REVISTA ABRIL

O retorno do vaqueiro

Que terá a tea vaqueira que nunca pasa de moda? Seguro que no teu armario hai máis dunha peza de roupa vaqueira case eterna. Con todo, talvez non saibas que na fabricación deste material se usan tinguiduras e compostos químicos altamente contaminantes. Así que, se vas tirar un vaqueiro ou unha chaqueta denim, pénsao mellor e dálle unha segunda oportunidade. Pode que dun pensamento así xurdise a firma Norma. As artífices deste novo proxecto de pezas urbanas, únicas e sen xénero son Noemí Díaz (deseñadora, fotógrafa e creadora de #adoptaunaprenda) e Sara Vigo (deseñadora de moda e estilista). Unindo forzas e preocupándose por centrar o foco nos estragos ambientais da moda de usar e tirar, puxéronse ao choio para facer dos residuos algo bonito cunha nova vida.

REVISTA ABRIL

Así naceu a primeira colección de pezas vaqueiras transformadas que se enmarca dentro do proxecto #adoptaunaprenda (coñecido por recuperar prendas de roupa achegándonos á súa historia) e que nos propón moda sustentable baseada na recuperación do téxtil. O concepto de Norma baséase en tres pautas básicas: empregar pezas vaqueiras que xa vivían nun armario, dotar dunha segunda vida ás pezas para mellorar o seu valor e realizar todo o proceso de deseño e confección con residuo cero. Nos primeiros pasos, Noemí e Sara caeron na conta de que deseñar para a perdurabilidade e crear beleza a partir de despoxos supón un reto a nivel creativo. O que parecía nun principio que lles ía restar liberdade, resultou ser finalmente a base para poder crear pezas únicas e diferentes ás que podemos atopar hoxe en día inundando as tendas de fast fashion.

Ademais de bonitas e sustentables, as pezas de Norma son únicas e están numeradas como pequenas obras de arte. Se non queres quedar sen a túa peza de museo, visita adoptaunaprenda.com, faite con unha delas e aposta pola sostibilidade na moda e polas historias con final feliz.

[Esta reportaxe foi publicada na revista A Movida de setembro 2019 . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.