O espacio CUBO inaugura o experimento ‘Esto NO es una galería de arte’
Alfons Freire, creador do espazo CUBO, inaugura este venres 23 de outubro Esto NO es una galería de arte, un experimento artístico e sociolóxico no cal poderás levar unha das obras a casa durante tres meses de maneira totalmente gratuita. Soa curioso, verdade? Máis abaixo contámosche como facelo.
Hai tres meses entrevistabamos a Alfons Freire con motivo dun proxecto que traía entre mans: expandir CUBO a unha nave industrial situada no Calvario. Finalmente, “a incerteza desaconsellaba arriscarse cun proxecto de tales dimensións”, polo que de momento queda aprazado a un tempo máis propicio.
Xa no presente, Freire comezou a colgar algunhas das súas obras nas paredes espidas de CUBO (Rúa Doutor Cadaval 17), e percibiu un curioso acontecemento: “sen prevelo, entraba xente a contemplar os traballos expostos. Mesmo algúns se atreveron a comprar algún. Eu ía incorporando novas impresións de forma totalmente aleatoria e a xente parábase a mirar. Deime conta, entón, e é terrible que tardase tanto en chegar a esta conclusión, que hai unha certa prevención a entrar no que se considera unha galería, unha sala de arte. A porta estaba aberta e mesmo puxen un gran letreiro de ‘Entrada libre’, pero gran parte das persoas vían as pinturas desde fóra, a través do cristal”.
Polo tanto, aí nace o experimento de Esto NO es una galería de arte: “o que quero é dar os meus traballos en acollida. Non é unha diseminación permanente, senón que a todo aquel que lle guste unha pintura pode levala á súa casa durante tres meses xustos, co compromiso de devolvela ao final dese período nas mesmas condicións que a recibiu. Simplemente hai que elixir a pintura e encher un impreso de cesión. Non é un aluguer non é unha venda subrepticia. É un préstamo por tres meses”.
Este venres 23 de setiembre inaugúrase en CUBO este particular experimento. Poderase visitar o espazo a partir das 18:00 e, en todo momento, manteranse as medidas de hixiene e de distancia social recomendables. A sala continuará aberta todo o mes de novembro, de luns a venres, de 18:00 a 20:00.
Desta forma, Freire pretende “romper minimamente coa idea da galería como un espazo pechado pensado para un determinado tipo de público e crear a posibilidade de quizais alguén se habitúe a sentir a compañía dalgunha imaxe que lle gusta nas súas paredes”. Tamén admite que, como experimento que é, “non teño ni idea do que pasará”.