CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

‘O Día das Letras Galegas e un pequeno despiste…’ por Pedro Feijoo

Segundo explica a Real Academia Galega, o Día das Letras celébrase o 17 de maio porque esa foi a data de edición de Cantares gallegos, obra fundacional da nosa literatura. E, para máis gloria olívica, resulta que semellante fito se produciu aquí, en Vigo. Por se alguén non está ao tanto, saiba que unha placa chantada no número 12 da rúa Real nolo recorda: No ano 1863 imprimiuse por primeira vez o libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro nos talleres de Juan Compañel instalados nesta casa. Bonito, verdade? Pois… Houston, we have a problem.

Para comezar, o da data de publicación é un invento: en realidade, o 17 de maio de 1863 é a que aparece na adicatoria que abre o poemario, de maneira que, se neses días a súa autora aínda estaba asinando o texto, debemos supoñer que o libro tardaría algún tempo máis en saír publicado.

Pero é que, ademais, resulta que o lugar tampouco é o correcto. Vexamos…

Hoxe sabemos que a imprenta do señor Compañel non estivo no número 12 da rúa Real ata 1865, polo que, se o libro saíra dous anos antes, a placa non está onde debería. Onde a poñemos?

Botándolle unha ollada ao Arquivo Municipal, descubrimos que antes de 1865 Compañel ten dous enderezos coñecidos, ambos os dous tamén na rúa Real: desde 1856 ata 1863 no número 14, e no 21 entre 1863 e 1865. Quere a casualidade que o cambio se produza xustamente no ano 1863 (e, como xa vimos, descoñecemos a data exacta de publicación). Con cal dos dous quedamos? Por unha vez, a resposta é fácil: cos dous.

CAMELIAS NADAL

Resulta que antes de 1863, o da numeración das casas e os edificios non era algo que preocupase especialmente aos veciños. Se ti tiñas o 2, pois eu púñame o 3, e cada número na súa casa, e Deus na de todos. Pero a cousa cambia a partir dese mesmo ano, cando o Concello comeza a aplicar a Real Orde de 14 de febreiro de 1860, que obriga a numerar as rúas dese xeito en que aínda hoxe facemos, cos pares a un lado e os impares ao outro, tomando como referencia a casa consistorial. Esa foi a razón de que en 1863 o antigo número 14 da rúa Real pasase a ser o 21. O mesmo número, por certo, que aínda hoxe se mantén.

Agora xa o sabedes: a famosa placa debería estar un pouco máis abaixo, no número 21 da rúa Real, xa que aí foi onde Cantares gallegos se imprimiu por primeira vez. Aínda que fose en algún momento posterior ao 17 de maio de 1863.

Por Pedro Feijoo
Escritor

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Maio 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón.]

The following two tabs change content below.

Pedro Feijoo

Pedro Feijoo (Vigo, 1975) é escritor. Exerceu profesionalmente como músico, cunha intensa traxectoria como produtor, compositor e membro dalgúns dos máis salientables proxectos musicais galegos. Deuse a coñecer como ensaísta co seu libro “Cousas do «Galicia», por Castelao” (1997), ao que seguiu a crónica “Viva o Fu Remol!” (Xerais, 2005). Como narrador publicou as seguintes novelas, todas elas traducidas ao castelán: “Os fillos do mar” (Xerais, 2012), Premio Arcebispo Juan de San Clemente 2013; “A memoria da choiva” (Xerais, 2013), Premio Arcebispo Juan de San Clemente 2015; “Morena, perigosa e románica” (Xerais, 2015), e “Os fillos do lume” (Xerais, 2017). Ademais, está a piques de publicar o libro “Camiñar o Vigo vello” (Xerais, 2018).