CAMELIAS MASCOTAS

O colectivo NEG celebra a Laxeiro 25 anos despois da súa morte

A Fundación Laxeiro abre as portas da exposición Recordoleterlorintorel na súa sede en Vigo con motivo do XXV aniversario da morte do artista Xosé Otero Abeledo, alcuñado como Laxeiro. O alcalde Abel Caballero, o colectivo NEG e o Concelleiro de Cultura xuntáronse este mediodía para inaugurar a nova sala ao público, que se pode visitar ata o 19 de setembro.

Recordoleterlorintorel

O 21 de xullo de 1996 falecía en Vigo o pintor Laxeiro, un dos artistas máis representativos de Galicia. Con obras de carácter imaxinativo, fantástico, irónico e mordaz, nas súas pinturas destacan as paletas sobrias de terras, ocres e negros, e temas como a infancia rural ou as súas vivencias en América.

A mostra Recordoleterlorintorel é a proposta do Colectivo NEG (Nova Escultura Galega) para celebrar esta efeméride. Situada na terceira planta do edificio Fundación Laxeiro, a proposta consiste nunha instalación na que o son é a personaxe principal, que nace a partir dun texto de Laxeiro en colaboración con Vertixe Sonora. No fragmento, o artista parodia o seu propio currículo con palabras inventadas nunha crítica ao sistema da arte que lle resultaba alleo á actividade creativa, defendendo a súa independencia como artista. O son da peza está acompañado de fortes luces de cor (azul, verde e vemello) que semellan raios nunha tormenta e resaltan as extravagantes esculturas e pinturas da peza.

O proxecto organizado por Misha Bies Golas, Alejandra Pombo Su, Jorge Varela e Diego Vites, está dispoñible xunto á exposición permanente do artista ata o 19 de setemnbro, permitindo aos visitantes visualizar as obras e reflexionar sobre a súa figura, pero tamén aprender sobre as vivencias do creador a partir dos textos explicativos que acompañan aos cadros da sala. A entrada á exposición é gratuita e as persoas interesadas poden solicitar unha visita guiada mendiante cita previa ao teléfono 986 438475 ou o email fundacion@laxeiro.org .

Horarios de visita:

REVISTA NOVEMBRO

Luns – venres: 18:00h – 21:00h.

Sábados: 12:00h – 14:00h, 18.00h – 21:00h.

Domingo e festivos: 12:00h – 14:00h.