UVIGO
FILLOAS

O Cineclube Lumière proxectará este mércores a Sección Oficial do Festival de Cans

Como xa anunciamos a semana pasada, este ano o Festival de Cans vai máis aló dos catro días que dura o certame. As curtas da Sección Oficial xirarán polos cineclubes galegos, e este mércores 9 farán a súa parada no Cineclube Lumiére, en Vigo, no teatro municipal do Concello. Será a partir das 20:00.

Prexección do Bloque II o pasado sábado na Casa de Mari, en Cans | P. Cermeño

Debido ás fortes limitacións de capacidade na pasada edición, desde o Festival de Cans buscaron novas vías para chegar ao público. Esta innovadora proposta permitirá que todas as obras a concurso poidan verse en nove salas de cine de toda Galicia, a través de convenios con FECIGA (Federación de Cineclubes de Galicia) e co CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe). Grazas a estes acordos, a oferta do certame ata chegar ás 1.050 butacas repartidas entre as catro provincias galegas.

Así, este mércores 8 de setembro poderemos gozar de todas as curtas da Sección Oficial do Festival, divididas en dous bloques. O primeiro comezará ás 20:00 e contará cos filmes Mare, Mentres iso pasa, Season, Xoves de Comadres, Blacks or Whites, 16 de decembro e El gran Corelli. No segundo, que será sobre ás 21:30, teremos Conte Trencat, Papá, por que quitas a música?, Reality, Baladas de amor e morte, Todo el mundo se parece de lejos e Hijos del cuerdo. Sobre este último bloque fixemos un artigo na mañá que pasamos en Cans, este sábado pasado.

Cada unha das proxeccións terá un prezo de 4 euros (6 euros no caso de querer asistir aos dous bloques), e a suma total da taquilla destinarase ao Premio FECIGA, que irá parar á curtametraxe elixida por un xurado formado por membros dos cineclubes de Galicia. Este galardón non estaba inicialmente previsto nas bases e facilita xerar un apoio económico adicional para o equipo que desenvolveu o filme vencedor. O proxecto Cans expandido tamén contempla a difusión en liña e mediante pago por visión na web do certame entre os días 13 e 17 de setembro.

CAMELIAS NADAL

Entre as películas que se proxectarán están Xoves de comadres, de Noemí Chantada, a gran vencedora do Festival de Cans, con 4 galardóns, e 16 de decembro, de Álvaro Gago, que obtivo dous premios. Neste formato expandido, o público tamén poderá ver Todo el mundo se parece de lejos, de Rafa de los Arcos e que lle valeu á actriz Bruna Cusí o premio a mellor interpretación feminina; Mentres iso pasa, dirixida por Nacho Ozores na que o traballo de Denís Gómez foi recoñecido coma a  mellor interpretación masculina; a curtametraxe Conte Trencat, de Miguel Gago, que lle valeu a Mario G, Cortizo o premio á Mellor Banda Sonora.