VIALIA
bannerPicnicSesions

Unha mañá no Festival de Cans

O Festival de Cans está a celebrar estes días a súa XVII edición, a máis estraña ata agora: menos capacidade máxima, menos galpóns, menos festa na rúa… pero non por iso deixa de ser especial achegarse á vila porriñesa en busca de bo cinema e dunha boa dose de agroglamour.

Eran as 12 da mañá e a vila xa gozara cun roteiro musical e do patrimonio da man de Xurxo Souto, co primeiro pase matinal da Sección Oficial e co pase matinal de Furacáns. Foi ao mediodía cando tivo lugar un dos pratos fortes da xornada, o coloquio co realizador Óliver Laxe. Alfonso Pato, director do certame, foi conversando de maneira amena co artista franco-galego sobre o éxito do seu último filme, O que arde, sobre o proxecto cultural que está a levar á súa vila e actual residencia, Vilela, ou sobre proxectos futuros

Laxe respondeu a todas estas cuestións coa súa característica fala, chea de profundidade, misticismo e algo de humor. O director nado en París deixou algúns titulares destacados como que na actualidade apenas ve cinema ou a falta de sensibilidade dos políticos, dos que non espera gran cousa, polo que “non me desesperan”. Tamén comentou o final da película, como filmaron nos incendios reais ao longo de varios anos ou algo sobre o seu próximo proxecto: quere que sexa comercial e achege á xente nova ás salas.

De alí subimos a costa rumbo á Casa de Mari, un dos baixos adaptados para as proxeccións. Este segundo pase das 13:30 incluía un total de seis filmes ao longo de dunha hora e cuarto. A primeira foi Conte Trencat, ópera prima de <strong>Miguel Gago</strong>, curmán do realizador vigués Ávaro Gago. De temática histórico-fantástica, a curta destaca pola súa coidada posta en escena, cun gran traballo de fotografía, de vestiario e especialmente de son

Tras ela viu Papá, por que quitas a música?, dirixida e guionizada por Ariadna Cordal. Unha peza coidada que mostra a cara máis dura e íntima do desemprego en idade adulta, neste caso nun pai de familia. En palabras da directora: “Comezou sendo un proxecto pequeno, no que queriamos crear un espazo para falar de temas que nos preocupan e sobre os que consideramos que é necesario reflexionar. Así, quixemos tratar unha historia social, falar da comunicación familiar e xeracional e os efectos das crises económicas

A primeira das dúas curtas de animación deste Bloque II foi Reality, unha divertidísima parodia dos tan populares reality shows da televisión. Pintado a brocha gorda por David Fidalgo (que se encargou literalmente de todo, ata da música e da dobraxe), estes oito minutos pasarán polos teus ollos coma un furacán cheo de berros, espidos e moitos risos

REVISTA ABRIL

Badaladas de amor e morte é a homenaxe de Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto (dirección e produción respectivamente, ademais de protagonistas) ao cine de Orson Welles e á dramaturxia de Roberto Vidal Bolaño. Unha peza en branco e negro de temática mística que xira en torno á morte e que conta cun elegante plano secuencia que ocupa gran parte da metraxe

O vigués Rafa de los Arcos estrea en Galicia a súa peza Todo el mundo se parece de lejos, unha curta realista de 15 minutos que lembra ao cinema dos irmáns Dardenne, tanto por temática como pola forma de filmar. Destaca a gran labor actoral de Bruna Cusi, que carga todo o peso do filme na súa faciana, nos seus xestos e nas súas verbas. A cámara persíguea de preto constantemente e ela demostra o por que do Goya á mellor actriz revelación hai dous anos

Para rematar este bloque e a mañá, Borja Santomé presentou Hijos del cuerdo, unha rechamante curta de animación chea de imaxes e experiencias oníricas que falan do desexo de fuxir da vida urbana. Sen dúbida a proposta máis experimental desta sesión, cun estilo de animación moi particular que xa lle fixera gañar hai dous anos o Premio do Xurado á Mellor Curta de Animación en Cans con El Reloj.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.