O Castro estrea túneles, patio de armas e polvoreira
Despois de anos de traballos, este xoves 14 a fortaleza do Castro estrea novos puntos de interese. O principal son os túneles subterráneos que transcorren polo interior da muralla ata o patio de armas, que mostra unha cara renovada. Alí tamén está situado a polvoreira, dotada dunha gran pantalla que explica a historia do recinto. (Fotos: P. Vázquez)
Nos últimos anos a fortaleza do Castro, que data do século XVII, está a vivir unha segunda xuventude. Hai unha década derrubouse o restaurante El Castillo, situado xunto a un dos seus muros. En 2020 acometéronse numerosos cambios relacionados coa mellora da iluminación, tanto das murallas como dos túneles. Foi nese ano cando tamén se melloraron algúns accesos e se engadiron bancos e unhas gradas de formigón na cara máis septentrional do forte. Para facer máis visible a fortaleza desde o resto da cidade, procedeuse a tala dalgunhas árbores adxacentes, práctica bastante habitual nestes últimos anos por parte do goberno local.
A mediados do pasado mes de maio abríronse de xeito puntual ao público os túneles subterráneos do Castro, polos que se accede nunha entrada situada na cara leste do recinto. O acondicionamento destes pasadizos, máis a limpeza dos muros e outras zonas, durou dous anos.
Ruta polos túneles
A entrada aos túneles é un dos puntos máis interesantes da visita, pois ten un trazado en zigzag para evitar que os invasores utilizasen os seus arietes contra a porta. O interior é bastante escuro, con pequenos puntos de luz que iluminan o teito abovedado. A altura durante parte do breve percorrido é suficiente para ir de pé, pero nalgúns puntos as persoas que midan máis da media van ter que encoller un pouco a cabeza se non queren deixar o cabelo nesas antigas pedras.
Xusto antes de saír ao patio de armas, unha pantalla nos mostra unha recreación dunha batalla contra o exército inglés, cuns efectos de son que procuran unha experiencia máis inmersiva. Xa no exterior, o renovado patio de armas loce uns postes informativos con diferentes datos históricos e militares do asedio inglés de 1719. No resto da fortaleza tamén se colocaron unha serie de paneis con máis datos sobre o Castro e a súa historia.
No interior da polvoreira, outra estancia abovedada de pedra, atopamos, ademais duns bancos de madeira, unha gran pantalla led na que se nos conta, en galego e con subtítulos en castelán e inglés, a historia desta senlleira construcción. O patio de armas permanecerá sempre aberto, mentres que os túneles e a polvoreira precisan de reserva previa para poder acceder.
Se queres saber por que hai túneles debaixo da fortaleza e onde teñen a súa saída, neste artigo sobre o Vigo subterráneo sacamos á luz esta e outras curiosidades sobre os pasadizos da cidade.
Visitas guiadas
A partir do luns 18 de setembro esta ruta poderá realizala de xeito gratuíto calquera persoa interesada os luns e os venres de 11:00 a 13:00 h. As posibilidades amplíanse amplíase a partir de outubro cando poderá visitarse todos os días da semana agás luns e venres, que están reservados para visitas escolares. O horario será de 11:00 e as 14:00 h e os sábados tamén pola tarde, de 17:00 a 20:00 h. Por outra banda, o recinto da fortaleza onde se encontran os paneis expositivos e audiovisuais será accesible de luns a domingo de 11:00 a 22:00 h.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024