VIALIA
bannerPicnicSesions

O Barbeira Season Fest adianta parte do cartel para o 2021

O festival baionés Barbeira Season Fest anunciou parte do cartel para a súa terceira edición, que esta vez será de dúas xornadas, os días 12 e 13 de xuño. Encabeza a lista a banda barcelonesa Ladilla Rusa, á que seguen artistas vigueses como Basanta ou Los Marcianos. As entradas xa están á venda desde 38,5€ na súa web.

REVISTA ABRIL

Á terceira vai a vencida, ou iso din. As dúas edicións anteriores do Barbeira Season Fest distaron bastante de ser sinxelas para a organización: diluvios, cambios de localización, unha pandemia… O obxectivo deste terceiro ano será, por fin, celebrar o festival na praia que dá nome ao evento, a de Barbeira. Outras das novidades son que por primeira vez serán dúas xornadas de música en lugar dunha soa e que o festival pasa a comezos de verán, concretamente aos días 12 e 13 de xuño.

A pesar de que aínda non rematou o 2020, xa sabemos algunhas das bandas das que poderemos desfrutar no festival baionés: Ladilla Rusa, Confeti de Odio, Basanta, Tronco, Mujeres, Laborde, Los Marcianos, Aiko el grupo e Carlota. Unha selección variada na que atopamos dúas bandas viguesas: Los Marcianos e Basanta, aínda que esta última xa se anunciara hai uns meses, en setembro. E como ben di no cartel, isto de momento!

As entradas xa se atopan á venda na súa páxina web, a un prezo de 38,5€ que probablemente vaia aumentando a medida que a data se achegue. Como calquera outro evento, estarán pendentes da evolución da pandemia á hora de organizar o festival, pero xa na súa última edición demostraron o seu bo facer á hora de adaptarse a esta crisa sanitaria.