CASAACUNHA

Yago Alcover (Mujeres): “Recomendaría á xente que traia tapóns e unha camiseta limpa, porque vai ser moi tolo!”

Mujeres e Los Punsetes encherán de ruído, letras afiadas que corear a berros e suor a sala Island o vindeiro xoves 12 ás 21:30 dentro do ciclo de concertos de Vibra Mahou. Falamos con Yago Alcover, voz e guitarra de Mujeres, sobre o pasado, presente e futuro da banda. Despois do éxito rotundo dos seus últimos traballos, Marathon e Un sentimiento importante, o trío barcelonés vén coas pilas cargadas presentándonos os dous novos singles do seu próximo traballo, Tú y yo e Cae la noche, que verá a luz a finais de abril. Non podemos esperar máis, pero, mentres tanto, afinamos gargantas e preparamos oídos para o próximo directo.

Yago Alcover, Pol Rodellar e Arnau Sanz forman Mujeres | Álex Sardá

Quen son Mujeres e como empezou a vosa banda?

Pois agora Mujeres é unha banda de tres mozos barceloneses: Yago Alcover (voz e guitarra), Pol Rodellar (baixo) e Arnau Sanz (batería), aínda que nos seus inicios fomos catro. Coñecémonos na universidade, cando estabamos a estudar. Vimos que tiñamos influencias comúns, que a todos gustábannos os mesmos grupos… Así que decidimos formar unha banda. Así empezou todo, era 2007. Ao principio foi complicado, logo veu a crise e custounos avanzar, pero agora, por sorte, estamos no noso momento máis doce.

Seguro que xa volo preguntaron mil veces, pero se sodes un grupo de tíos, entón por que Mujeres?

Pois si, a verdade é que preguntáronnolo milleiros de veces. É unha pregunta obrigada da que se espera moito, e nada que ver. Atopar un nome para un grupo sempre é difícil, así que Pol, que é guionista, adoitaba ter algúns alteregos e pseudónimos, como os escritores antigos. Un deles chamábase Señor Mujeres e a nós facíanos moita graza, era como unha especie de broma interna. Ao final pensamos que funcionaba. Mujeres soábanos ben, ademais era só unha palabra e era sinxelo lembrala e parecíanos que podería valer. E, por agora, valeu.

Dedicádesvos de maneira total á música ou tedes outro traballo?

Hai pouco lía unha entrevista cun produtor na que se trataba este tema de vivir da música, da opresión dos festivais… do difícil que é dedicarse de maneira total a este mundo. No meu caso, traballo na universidade. No caso de Arnau e Pol, os seus maiores ingresos agora mesmo si que veñen da música. De todos os xeitos, creo que vivir exclusivamente da música hoxe en día se tes un grupo pequeno é moi complicado; ao final non é un traballo fixo e tampouco sabes ata cando durará, se haberá épocas malas… Aínda así, non me parece tan malo como puidese soar de primeiras. Ao final non vivir de maneira total disto dános bastante liberdade á hora de decidir que queremos facer e que non.

Revisando algunhas das vosas entrevistas e oíndo os vosos temas véñenseme á mente o garage, o punk, o pop… Nunha desas entrevistas lin que Pol di que vós só facedes cancións pop. Aínda que as etiquetas son odiosas, cal lle poñeriades á vosa música?

Bueno, si que creo que somos un grupo con letras pop. A xente estráñase moito cando dicimos isto porque logo vai a un dos nosos concertos e ve que todo é físico, moi ruidoso, moi punk ou garage. Pero, á fin e ao cabo, son letras que moven ao público, con mensaxe, creo que somos moi pop niso, aínda que pareza mentira.

Cando empezastes a tocar, sobre 2010, e no voso primeiro traballo de 2012, Soft Gems, faciádelo en inglés, non sei se foi por unha cuestión de que vos soaba mellor ou parecíavos máis cool, pero é co EP Aquellos ojos, en 2014, cando vos cambiades ao castelán. Por que?

A verdade é que foi algo bastante natural. Nun principio os grupos nos que nos fixabamos e que nos gustaban eran de Estados Unidos, entón o noso primeiro movemento foi facer cancións en inglés para xogar nese mercado. De feito, estivemos a piques de asinar un contrato cunha discográfica de Seatle. Con todo, cando empezamos a dar concertos en salas viamos que o público en realidade era de aquí e pensamos que a mensaxe calaría máis en castelán ou que tiña máis sentido facelo así. Ao final, queremos tocar para o público. Non por buscar o éxito nin nada diso, senón porque é o realmente bo de facer música, conectar co público. Veu todo dado, as cousas pasaron así porque tiñan que pasar así; foi un proceso moi orgánico.

Neste 2020, sorprendéstesnos cos singles Tú y yo (que, en serio, é brutal) e Cae la noche. Queremos máis. Para cando e que nos espera?

Ostras! Moitas grazas, que guay que me digas iso. A verdade é que a xente está a acoller estes primeiros singles con moitísimo agarimo, estamos encantados. O disco sairá o 24 de abril, pero seguramente haxa algún adianto máis antes. Eu tamén teño moitas ganas, de verdade.

Este verán xiraredes por algúns festivais da Península, aquí en Galicia puidemos vervos hai un par de veráns no festival Vive Nigrán, sentides cómodos co fenómeno festival ou preferides concertos en salas?

Cada espazo é para o seu. En xeral, diríache que preferimos sala, pero creo que calquera grupo daríache esa resposta. Nunha sala ves o bo e o malo, ao final tocas para un grupo reducido que foi a ver o teu concerto e se sae ben é moi gratificante; pero, se sae mal, tamén vale para dicir “isto non funciona, que pasou aquí?”. En xeral, na sala estás máis en contacto co público e iso é moi potente. Nos festivais tamén depende, de súpeto convídanche a un festival pequeno nun sitio perdido que é incrible e resulta que o público está con toda a enerxía posta no concerto e as cousas saen xenial. Nos macrofestivais é máis difícil isto de conectar, o público está máis disperso e iso complica as cousas. O bo é que, ao final, os macrofestivais son un reclamo brutal e tamén axudan moito a darche a coñecer. En definitiva, diríache salas, pero ambos os formatos teñen o seu punto.

O 12 de marzo tocades xunto a Los Punsetes aquí en Vigo, na sala Island. Que vos parece isto de tocar con eles?

Pois nos parece de puta nai, a verdade. O noso con Los Punsetes é unha relación de hai moitos anos, de feito, con Luís, de Sonido Muchacho, fixemos o noso disco Un sentimiento importante, de 2017. Creo que vai ser brutal un concerto dos dous xuntos, mellor imposible.

Para quen aínda non vos escoitara, que nos imos a atopar no concerto do día 12?

Un concerto moi ruidoso, iso seguro! Parece mentira, trece anos tocando e aínda non nos pasamos por Vigo. E iso que fomos a Galicia con xiras como o Maquetón Estrella, pero aínda non estiveramos por aí, nin mo creo! O que lle recomendaría á xente é que se traia os tapóns e unha camiseta limpa, porque vai ser moi tolo!

Que tal un feat. con algún artista un pouco tolo co que vos gustaría colaborar? Válenos desde Raffaelà Carra ata Bad Bunny.

Banner A Movidiña

Esta é difícil. Seguramente se llo preguntas a Pol diríache que con Romeo Santos.

Para os vosos seguidores de Instagram, as comidas en bares de estrada que vos metedes entre peito e costas cando estades de xira non parecen ningunha tortura, pero supoñemos que tamén haberá cousas malas en estar varios días na estrada e en comprometerse realmente co proxecto. O mellor e o peor que vos deu Mujeres?

Uf, non podería quedarme co mellor. Moitas cousas. Pensa que estamos a facer o que nos gusta. Somos uns tolos da música, e poder tocar xunto a grupos que nos gustan e dar concertos para nós é o máximo.

(GMT+01:00)

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.