O 85 Corpos fainos bailar para celebrar o Día Internacional da Danza
Con motivo da celebración, o vindeiro luns 29, do Día Internacional da Danza e por segundo ano consecutivo, o colectivo 85C organiza o 85Corpos, un completo programa de tres días centrado na expresión artística a través do corpo. Tamén a programación do Concello estará dedicada a esta disciplina durante a fin de semana. Plans non faltan para mover o corpo en Vigo.
O 85 Corpos é un dos poucos festivais adicados á danza cos que contamos na nosa cidade. Está organizado polo colectivo 85C, unha asociación informal de artistas viguesas responsables dunha chea de actividades feministas e imaxinativas que enchen de seguido as nosas rúas, como o Festival nas Berzas ou o propio 85C. Desta vez, propóñennos mover con elas o corpo e a mente a través de jam sessions, faladoiros e proxeccións que teñen como nexo común a danza. Advertimos que non será un festival ao uso. Non nos sentaremos nunha butaca a ver actuar a outros. Elas queren sacarnos bailar, ‘saibamos’ ou non e demostrarnos as vantaxes de expresarnos a través do movemento. Pagará a pena seguro, pois o único risco está nas maniotas do luns, así que tomen nota:
As actividades comezan o venres 26, cunha jam session na Sala Kominsky a partir das 21:30 ca que a organización quere ‘levar a danza aos espazos non convencionais e invitar á comunidade a divertirse xogando co propio corpo e co corpo das demais’.
O sábado a programación desprázase ao Almacén Cultural onde a partir das 13h falarase de baile e cultura urbana para despois poñer en práctica o aprendido nunha jam de danza urbana que, de novo, pretende a confluencia de profesionais e amadores, tímidos e raíñas da pista; en definitiva, todo aquel que queira disfrutar do corpo e da compañía. Ás 18:30, tamén no Almacén cultural, terá lugar a única exhibición do programa: ‘Encontrarte en lo oculto’, interpretada polos usuarios da Fundación Igualarte e coreografiada por Juan Cid, quen guiará outra jam aberta despois do espectáculo. Xa pola noite, a compañía de danza Beehive organiza a Macarena War!, unha batalla de baile na que tanto ten se non sabes bailar. Será a partir da medianoite na Sala Doppler.
O 85 Corpos continúa o domingo, aínda que de forma máis repousada. Na última xornada trasládase á Cova dos Ratos, onde Olga Cameselle falará do futuro da danza. Poderemos quedar alí a comer e, de sobremesa, a proxección do filme “Blush” de Wim Vandekeybus e unha mesa redonda na que afondar na situación do sector da danza na nosa cidade, unha das artes máis ninguneada.
En definitiva, vaian estirando como poidan na casa, que esta fin de semana as rapazas do 85C vannos facer suar.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024