Novidades musicais viguesas: Ollo, Lóstrego!, Sen Senra, Vértebras, Killer Barbies, Vloom ou Mano de Piedra
Nestes meses primaverais agromaron multitude de sinxelos e discos con selo local. Como é habitual, temos unha lista de novidades musicais do máis variada: rock progresivo, metal, punk, dream pop, indie, neotradi, rap, post rock, folk…

OLLO, LÓSTREGO!
A inevitable caída dos imperios, o segundo disco de Ollo, Lóstrego!, é unha viaxe polo pasado, presente e futuro da especie humana; polos erros, tropezos e malas decisións que tomamos e tomaremos, esquecendo as leccións dunha historia que nos sinala o camiño equivocado. Neste disco post-rock, rock progresivo e rock alternativo se combinan con voces melódicas, armónicas e letras reflexivas, creando atmósferas sonoras que envolven ao ointe.
INDY TUMBITA & MANU GASTADO
Nova colaboración entre estes dous artistas do rock undergorund.
ANTI-MUMS
Dobrete de Indy Tumbita, neste caso co grupo de punk Anti-Mums.
VLOOM ft. JULIA PEÑA
Novo sinxelo da banda de dream pop Vloom coa colaboración de Julia Peña.
FILLAS DE CASSANDRA
Fillas de Cassandra revelou en abril o contido do EP Hibernarse, o seu novo traballo discográfico, no que o dúo vigués reflexiona, a través de diferentes prismas, sobre o concepto do tempo. Trátase dun proxecto multiformato e singular que versa sobre a construción social do tempo a través de distintas disciplinas artísticas: Un álbum, un videofilme, un fanzine e outras sorpresas.
MICHU DA ROCHA
O artista vigués Michu da Rocha irrompe con forza na escena musical con Tempos de Entroidar, un disco que captura á perfección o espírito do Entroido: desenfreo, ironía e unha ollada afiada á sociedade. Ao longo de once cancións, o álbum navega con destreza entre o rock, o blues, a música disco o funk e o pop, reflectindo a versatilidade de Michu como compositor e intérprete.
IGMIG
Tras sete anos de silencio sae ás pistas Revolución, a terceira publicación da banda viguesa. No disco vemos a IGMIG en estado puro, completamente entregados á liberdade creativa, sen ataduras comerciais nen estilísticas de ningún tipo.
MANO DE PIEDRA
A finais de abril publicouse Tales From The Burnt House, segundo disco de longa duración de Mano de Piedra tras seis anos de espera. A banda local mestura xéneros como o stoner, metal, hard rock ou hardcore.
FERRIÑAS BRAVAS FT. DJ KIKE VARELA
‘Micaela’ é a nova colaboración das pandereteiras Ferriñas Bravas co DJ compostelán Kike Varela, que se está a achegar ao millón de reproducións en Youtube e aos dous millóns en Spotify. O tema está baseado nunha cantiga de Felicia Insuela, que foi unha muller que se fixo famosa polas súas coplas picantes.
ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS ft. VEGA
O cuarteto vigués, que está a celebrar vinte anos de traxectoria, reversiona o tema ‘El norte’ xunto con Vega e Andrés Cunha. A finais de maio sairá o disco B.S.O. 2005 – 2025, onde repasan algúns dos seus temas máis coñecidos coa colaboración de artistas como Depedro, Amaral ou Fillas de Cassandra.
HUGO GUEZETA ft. GUADI GALEGO
Colisionando estilos de música moi diferentes, como o rap característico de Hugo Guezeta e a canción de autora contemporánea de Guadi Galego, ve a luz ‘Equilibrar‘, o novo sinxelo en colaboración de dúas das grandes figuras da música en galego actual. Baixo unha atmosfera de melancolía, Hugo e Guadi cantan a mellorar o presenten botando man das lembranzas do pasado, nunha canción moi melódica que mestura dúas voces e dous timbres moi distantes que rematan por empastar e conxeniar á perfección.
TREINTAÑERAS CAÑERAS
A banda Treintañeras Cañeras volve á carga co seu novo single ‘RAVE 51’, o terceiro adianto do seu esperado próximo álbum. Un tema electrizante que fusiona a furia do punk, a potencia do metal e a esencia máis crúa do rock para dar forma a unha experiencia sonora explosiva. ‘RAVE 51’ non é unha festa, é unha invasión. Treintañeras Cañeras transpórtanos a un delirio sonoro onde as luces de neón e a distorsión marcan o ritmo dun encontro na terceira fase. Se crías que o gorro de papel albal era suficiente para protexerche, pénsao dúas veces: este tema é unha advertencia cargada de adrenalina. O simpático videoclip gravouse na sala viguesa Kominsky.
VIMBIO ft. CHAVELLOS
Curiosa colaboración entre o grupo tradicional Chavellos e a banda de rap metal Vimbio. Neste lanzamento, os artistas fusionan sons ancestrais cunha produción contemporánea, explorando a riqueza da música galega dende unha perspectiva innovadora e evocadora. Cun profundo respecto polas raíces, CHAVELLOS e Vimbio reimaxinan os ritmos e melodías que marcaron xeracións, achegando frescura e emoción a cada nota.
VÉRTEBRAS
Novo sinxelo de Vértebras, que mestura rap e techno cunha chiscadela a unha copla tradicional recollida no Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina.
SEN SENRA
Despois de probar co inglés e o castelán, ‘Padiante’ é a primeira incursión de Sen Senra no galego. Un tema de indie folk de aire nostálxico.
CALRA LOURDES
Despois de varios adiantos, a finais de abril vía a luz El día que descubrí el lunar de tu oreja, o primeiro álbum da ponferradina asentada en Vigo Carla Lourdes. Un disco de pop clásico e melódico, con toques de indie máis bailable, que presentou nunha Fábrica de Chocolate completa.
STONED AT POMPEII
Tras ser escollidos como o grupo que representaría a Galicia no Harley Davidson Euro Festival, conseguiron pasar de ronda e ser a primeira banda española en participar neste reputado festival que se celebrou en Saint Tropez (Francia) e contou con bandas do nivel de Royal Republic ou Eagle Eye Cherry. Ademais, a comezos de abril fíxose público que o trío vigués estaba nominado a Mellor Disco de Rock nos premios da Academia da Música de España.
VISERA
Visera é un dúo de recente formación creado polos músicos Alberto Brandón e Óscar Roal, que xa compartiron escenario en múltiples ocasións con bandas como The Winning Numbers e Helen & Shanna. Nesta ocasión apostan polo post rock e garage con melodías apegadizas e letras iróncias e nostálixas.
PABLO LESUIT
Pablo Lesuit lanza ‘Yo solo quiero quedarme’, o quinto adianto de Camino de las rocas, o seu novo disco. Nesta canción —a máis sesenteira do repertorio—, o artista vigués consolida o seu xiro máis roqueiro, mesturando a crueza do directo cunha produción delicada, que xoga con texturas vintage, samplers sutís e arranxos de metais que nos sitúan nesa década dourada.
CASTILLO
Novo adianto do que será o segundo disco do vigués Luis del Castillo. Un tema folk con letra intimista que se afasta da distorsión do primeiro álbum.
MAN THE RIVER
‘Un sol vino a verte’ é a nova canción de Man The River. Indie folk delicado e melódico.
THE KILLER BARBIES
Unha das bandas máis exitosas da historia de Vigo, Killer Barbies, volven a estar de actualidade por partida dobre: o seu novo disco El pop se autodestruirá en 4, 3, 2, 1… e o libro que escribiu Luis León Luri sobre o grupo: Voy a matarte esta noche: la ruidosa y acelerada historia de Killer Barbies (Applehead Team). Compartimos a versión que fixeron de ‘Bad Reputation’ de Joan Jett & The Blackhearts.
CHUNGO PASTEL
Sin filtro é o primeiro disco de Chungo Pastel, grupo de pop rock creado ao abeiro da Fundación IgualArte. ‘Diosa del fuego’ é o seu último sinxelo.
ROBER CARCOS
Novo tema do cantautor de Coruxo.
BROKEN PEACH
Novo sinxelo de Broken Peach, agora como sexteto. O tema é unha mestura de dúas cancións estadounidenses de 1982: ‘I’m so excited’ de Pointer Sisters e ‘Maneater’ de Hall & Oates.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Novidades musicais viguesas: Ollo, Lóstrego!, Sen Senra, Vértebras, Killer Barbies, Vloom ou Mano de Piedra - 21 Maio, 2025
- Editorial Galaxia: 75 anos creando porvir para a literatura e a cultura galega - 13 Maio, 2025
- Sementar e recoller tradición - 1 Maio, 2025
- Fernando Castro Paredes gaña o Premio Galaxia de Novela 75 Anos coa súa obra ‘O lanzador de coitelos’ - 23 Abril, 2025
- Galerías Fetén, moda singular no corazón da cidade - 9 Abril, 2025