Novidades musicais viguesas de comezos de 2024
Dous meses despois da última entrega de novidades, volvemos con algúns lanzamentos destes primeiros meses de 2024.
THE MIRROR
Novo ano e novos proxectos para a música emerxente viguesa, en concreto para a banda The Mirror que actualmente seguen a traballar intensamente na creación do seu segundo álbum. O artista cangués Damián Nogueira é o responsable deste ambicioso videoclip feito en stop motion.
EL ÚLTIMO CICLISTA
O músico uruguaio residente en Nigrán Gabrulo García segue a presentar tema a tema o seu novo disco, producido por Sergio M. Puga. Ademais, recentemente gravou algunhas destas cancións en directo coa súa banda nos estudios Planta Sónica.
MUNDO PRESTIGIO FT. ANTÍA VAN WEILL
Os sempre sorprendentes Mundo Prestigio xúntanse coa viguesa Antia Van Weill de Bifannah. O resultado é este ‘Sensaciones’, novo adianto do seu álbum debut que sairá o 8 de marzo. Paralelamente están a acompañar a Carlangas baixo o nome de Los Cubatas.
SANTI ARAÚJO
‘Jilguero’ é o segundo adianto do novo disco de Santi Araújo, Canciones para Bailar. Un tema de indie folk con moito ritmo e cun videolyric fantástico de Antón Miranda e Xaime Miranda.
DOBLE M
O cantautor folk Miguel Moldes publicou o día de Reis un EP con catro temas co nome de Tuesday Night Sessions, gravados en directo por Denis Carballás.
VILLANUEVA FT. ALBA DUNAS
Villanueva lanza un primeiro adianto do que será o seu novo e cuarto disco de estudio, producido polo guitarrista de Vetusta Morla Juanma Latorre. Unha canción de autor, fusión entre cumbia, folk e pop; creando un ambiente que convida ao movemento ao ritmo dos instrumentos tradicionais da música andina, entrelazados con harmonías de guitarras eléctricas e acústicas.
SANNY
‘Tempest’ é o último tema da cantautora Sanny, que presenta nesta sesión en acústico e que publicou no EP Bedroom Folk Sessions, gravado por Denis Carballás.
VISIONS OF JOHANNA
Visions of Johanna publican novo vídeo gravado o pasado novembro en Planta Sónica. É o primeiro dunha serie de cinco que irán subindo ao longo das próximas semanas e que mostran á banda interpretando en directo algúns dos seus temas no estudo.
APHONNIC
O pasado 9 de febreiro a banda de metal Aphonnic publicaba Crema, o seu novo disco. ‘Doña Inés’ é o segundo sinxelo. O vídeo está dirixido por Rubén di Groovie e rodado no Sinattra Club.
FILLAS DE CASSANDRA FT. ZETAK
A comezos de febreiro publicouse a canción de ZETAK e Fillas de Cassandra na que fan un chamado contra a violencia sexual en galego e euskera. O tema, que supón a primeira colaboración de María SOA e Sara Faro co navarro Pello Reparaz, forma parte do novo álbum de ZETAK, nomeado AAZTIYEN, e que se publicou o pasado mes de decembro.
FON ROMÁN
Versión en directo de IX, segundo adianto de En Blanco. Este disco está baseado no poema “Blanco” do Premio Nobel mexicano Octavio Paz. Nesta parte do poema, o autor penetra nun universo máis erótico, apelando á fusión dos contrarios e á experiencia da unidade do ser. O vídeo está gravado na Sala Rebullón de Mos.
EXERIA
Foron escollidos para formar parte das “Sesions de Sobremesa”, formato acústico e en directo ao estilo “Tiny Desk” e cun ambiente distendido, composto por 2 temas inéditos: ‘Proletario’ e ‘Xa está mal’. Producido por Toxo Verde, conta coa colaboración nas voces e pandeiretas de Coral Alonso, Carolina Rodríguez e Sara Alfaya e a pericia na gravacion e mistura de Damian Mo dos Lufs Studios.
QUERIDO
A nova banda encabezada por Andrés Ferreiro continúa a medrar e a presentar novas cancións, como este ‘Una nueva esperanza IV’.
LISKA!
O ska e o reggae voan xuntos a través da banda viguesa Liska!, un exército de ventos, guitarras e voz que leva a festa comprometida como bandeira. ‘Porca vida’ é o seu último lanzamento.
ARDENTÍA
A discografía completa de Ardentía, a formación musical viguesa fundada en 1989, xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais, incluíndo Spotify, Apple Music, YouTube Music, Instagram ou TikTok. Esta é unha emocionante oportunidade para mergullarse na rica tradición musical a través da enérxica música de Ardentía, que combina música tradicional e cantigas populares nunha atmósfera festiva.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024