Doce novidades musicais locais para rematar o ano
O 2021 vai chegando ao seu fin sen que iso implique que as bandas locais quiten o pé do acelerador. Aquí vos deixamos algúns dos últimos lanzamentos de bandas viguesas.
NORDE
O grupo Norde publicao opasado mes de novembro o seu primeiro single ‘El reflejo’, unha reflexión sobre o tempo e as emocións. É unha canción que trata de eliminar estigmas sobre as emocións e os procesos mentais que sofren as persoas ao longo de toda unha vida.
CARLOS ORDÓÑEZ
O vigués Carlos Ordóñez (ex Prozack, Gauss, Discodé, Radio ou Grado 33) volve editar un disco tras case vinte anos de silencio, utilizando por primeira vez o seu propio nome. Aínda que en todo este tempo nunca deixou de crear música, este novo traballo veuse xestando desde 2017, e comprende unha colección de pezas electrónicas, máis ben texturas e paisaxes sonoros que temas estruturados.
OS VACALOURAS
Despois de marcar un antes e un despois co seu hit do verán ‘O Samil e Portugal’ cunha colaboración de luxo como foi o mesmo Quim Barreiros, e de sacar tres singles máis de adianto, Os Vacalouras presentan este o seu primeiro traballo de estudo en sete anos.
REBELIOM DO INFRAMUNDO
Despois da gran acollida e de pechar o ciclo ‘Luminarias’ con tres one shots onde a banda quixo volver ás orixes con ese rap que nos namorou, sen andrómenas e directo, Rebeliom volven á carga cunha nova canción chea de potencia e sentimento.
SANTI ARAÚJO
O pop e o folk como fío condutor dun tema que nos fala dunha maneira moi delicada e elegante sobre a forma de querer a alguén e que ao mesmo tempo se traduce en deixar de quererse a un mesmo. Segundo adianto do seu seguinte disco Suelta Ø Muerde.
ORQUESTRA GALEGA DE LIBERACIÓN
O segundo traballo discográfico da Orquestra Galega de Liberación, que conta con numerosos músicos locais, foi gravado e composto en directo no Jazz de Ría 2021, en Narón. É o segundo disco que publican este ano.
FON ROMÁN
Antes da saída do seu próximo disco inédito previsto para o mes de marzo, Fon Román compartirá varios temas rescatados de ideas inacabadas e que conseguiron recentemente ser canción e que están afastadas do son, do fondo e da forma do que será o mencionado novo álbum.
CARLA LOURDES ft. RAÚL BEN
Este novo sinxelo da cantautora, en colaboración con Raúl Ben, anima a seguir a pesar das dificultades e sobre todo, quere transmitir que debemos eliminar todas esas escusas que nos poñemos tantas veces para non saír da nosa zona de confort.
LISKA!
A banda viguesa de ska punk vén de lanzar ‘Sermos’, o seu novo ‘single’, acompañado de videoclip, gravado na Canteira de Paredes (Vilaboa, Pontevedra), que homenaxea á figura do veciño de Cuntis e dirixente galego Xoán Xesús González.
BABYKATZE ft. MARTA TORO
Á serie de remixes BLUT RMX únese agora a visión transformadora da produtora galega Marta Toro. Argo Love RMX suaviza os ritmos máis tensos do tema orixinal con melodías e orquestracións preciosistas, creando unha atmosfera que nos eleva o ánimo, coa conclusión definitiva de que neste mundo estraño, existe o amor.
DAKIDARRÍA
Dakidarría sorprende a poucos días do Nadal cun novo single, ‘Arrasadeira’, un segundo adianto para o novo disco da banda galega, ‘ Colaxe’, que verá a luz o próximo 25 de febreiro.
KINGS OF THE BEACH
Como xa pasara hai uns anos con Presumido, conseguir a liberdade discográfica non sempre sae barato. O seu anterior selo foi quen pagou a gravación do seu último disco (aínda inédito), polo que agora, unha vez desvinculados, teñen que conseguir eses cartos para devolvelos. Por este motivo abren unha campaña de micromecedano na plataforma Verkami, co fin de paliar esa débeda de 7000€.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024