CAMELIAS MASCOTAS

Novidades musicais de febreiro e marzo

Continuamos co noso particular repaso ás novidades musicais da nosa cidade, que non cesa de producir grandes talentos. Electrónica, folk, rock, trap, metal, indie… hai de todo!

Baiuca e Carlos Núñez en Santiago de Compostela | Cedida por raso.

FAMILY FOLKS

A banda de folk rock viguesa publicou este mes de marzo o seu novo álbum Naufrage. O venres 11 presentarán este último traballo en La Iguana Club. Mentres imos abrindo o apetito cun dos seus temas, ‘The Beast’.

HIGH PAW + ORTIGA

Colaboración da sing jay local con Ortiga, un dos grandes renovadores da música galega nos últimos anos. É un adianto do Poiro EP, un traballo creado e producido por ambos co apoio de Ernie Records.

LAURA JORDÁN

O pasado 7 de febreiro a cantautora publicou baixo o nome Acoustic Sessions tres temas que gravara hai tempo: ‘Helado de limón’, ‘Siempre todavía’ e ‘Lobos’. O EP pode escoitarse no Spotify da artista.

TREINTAÑERAS CAÑERAS

Despois de varios adiantos, o 3 de marzo saíu o novo álbum de Treintañeras Cañeras: Música para el programa de Bertín Osborne. O trío segue fiel ao seu estilo potente con letras irónicas e cargadas de humor. O 12 de marzo actuarán na nova sala Molotov.

DARK DIAMOND

Hard rock clásico da man deste novo grupo vigués, creado en 2021. Están a preparar un EP debut para este ano. A voz do vocalista é ben similar á de rockstars como Axl Rose ou Chris Cornell.

KYOTTO

O novo artista urbano continúa publicando sinxelos despois do lanzamento de Deidad o pasado ano. Neste tema, acompañado novamente por SUSHIKING, fai referencia á pouca visibilidade que ten nos medios de comunicación malia o éxito da súa música: “¿Dónde se ha metido la prensa? Parece que no se dan cuenta. Millones de repros, no hay fotos, noticias, ni nada que se le parezca”.

LETHAL VICE + ARKHAM

EP de catro temas de trash metal da vella escola da man das bandas Lethal Vice e Arkham que leva por título Bastardize de World.

ZALOMON GRASS

Terceiro teaser do filme experimental “Three Hundred Years” no que mostran un pequeno fragmento de ‘The Other Way Around’ en acústico.

ISIUS

Segundo adianto de Little Bighorn, o novo disco da banda de indie rock local. Hai pouco máis dun ano que Melania Trump desapareceu do ollo mediático, pero non do recordo de Isius que lle dedican a súa nova e enerxética canción que emana a esencia clásica do rock anxelino dos 60 e 70.

CARLOS NÚÑEZ + BAIUCA

Tradición e modernidade van da man neste ‘Solsticio’ de Carlos Núñez e Baiuca. A canción parte dunha alborada inédita de Carlos Núñez, que Baiuca refixo e recreou ata convertela nunha creación absolutamente diferente, e na que se fai unha chiscadela á “alvorada” portuguesa, utilizando un sample dunha gravación tradicional de Paulino Pereira João, un soado artista do país veciño que tocaba a canción coa gaita en Tras Os Montes, e que nesta ocasión cantaruxa a melodía da peza.

OLLO LÓSTREGO!

Ollo, Lóstrego! é un trío galego de rock con tintes postrock e certas influencias do rock alternativo e progresivo entre outras, formado por Simón, Noel e Marcos a comezos do ano 2019 en Vigo. En febreiro de 2022 publicaron “Hábitat” un EP de 5 temas, completamente autoproducido e masterizado por Álvaro Gallego.

REVISTA NOVEMBRO

CRÓ!

Lille é a cidade francesa onde Cró! deu un concerto surrealista nunha pizzería-karaoke para entre dúas e ningunha persoa. Despois de tal “abrumador éxito” aceptaron os cinco bolos de pan que unha empleada horneou para eles e partiron, sen durmir, na furgoneta cara o mar do norte. Unha viaxe de 12h que os levaría ata a Zapanalle un festival no que cunha gran acollida, venderían máis de 200 discos nunha noite e tocarían xunto aos míticos Magma. O tema narra os diferentes divertimentos que tiñan lugar na furgoneta para non aburrirse, dicir os 50 estados de USA, facer pequenas peliculas, dicir a “A” mais curta do mundo ou facer xogos de máxia. 

DANI + AARON RUX

dani volve xuntarse con Aaron Rux para versionar a Rafaela Carra. Este tema pertence á banda sonora da serie Nasdrovia, de Movistar +.

ROMA MÚSICA + MON CANCELA

Primeiro single do álbum debut de ROMA MÚSICA Mujer fuente. Composta hai 19 anos por Amaro Ferreiro e Roma González para o seu álbum Cuentos para niños que aínda está en formato maqueta. Nesta ocasión Roma conta coa inestimable colaboración de Mon Cancela, de Mon Band.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.