Non máis Matildas
«Imaxinas que pasaría se Einstein nacese muller? Pois que probablemente hoxe non saberiamos quen é Einstein. E é que os méritos dos seus descubrimentos levaríaos algún compañeiro de investigación… ou mesmo o marido». Esta é a carta de presentación da iniciativa #NoMoreMatildas (nomorematildas.com), levada a cabo pola Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT). A través do nome de Matilda Joslyn Gage, a primeira activista en denunciar tal inxustiza, búscase reescribir a historia desde unha perspectiva de xénero, recuperando figuras femininas relevantes na historia da ciencia e levándoas aos libros de texto, podendo así inspirar novas xeracións.
É difícil delimitar o que hoxe coñecemos como «ciencia»: unha amálgama de disciplinas como a astronomía, a bioloxía, a física, as matemáticas, a medicina, a química ou a xeoloxía. Ás veces tamén incluímos campos como a arquitectura, a enxeñería ou as telecomunicacións, aínda que estas sexan especialidades máis técnicas que utilizan os coñecementos científicos para seren aplicados de maneira máis tanxible e práctica. Seguro que non é a primeira vez que escoitas que nas carreiras universitarias científicas hai predominancia masculina, mais iso non é certo. Segundo os datos ofrecidos pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, o 56% do alumnado científico do curso 2019-2020 está formado por mulleres, aumentando ao 76 % nas ciencias da saúde. Esta porcentaxe derrúbase nas carreiras técnicas (Enxeñería e Telecomunicacións), con só un 23% de alumnas nas aulas.
No profesorado tamén atopamos unha fenda de xénero do 16% cuxa tendencia nos últimos cinco anos é cada vez máis igualitaria, a pesar de que esta é máis evidente a medida que avanzamos na escala de categoría do persoal: tres cuartos dos catedráticos son homes.
Unha vida dedicada ás matemáticas
Amelia Verdejo estudou matemáticas na Universidade de Santiago en 1978, unha etapa que ela lembra «con fastío» para as estudantes: «O fascista do decano entraba na aula e dicía que non sabía que faciamos alí as mulleres, porque estaba demostrado cientificamente que o noso cerebro non valía para as matemáticas». Ironicamente, na primeira orla desta carreira, que data dos anos 50, cinco das seis persoas licenciadas eran mulleres. No profesorado, a única muller era Antonia Ferrín, a primeira astrónoma galega.
Ademais do labor como docente, Verdejo iniciou hai case unha década un importante traballo divulgativo que se viu culminado en 2017 no libro Mujeres matemáticas: Las grandes desconocidas. Segundo ela, non existe a suposta neutralidade dos números: «A finais dos anos 80 empecei a cambiar o xénero dos nomes que aparecían nos enunciados dos problemas, e deime conta de que os homes sempre ocupaban postos de responsabilidade namentres que as mulleres se encargaban de coidados e tarefas domésticas». Por non falar da nula presenza de mulleres en libros de texto, advertida pola investigadora Ana López Navajas, que na opinión de Verdejo se debe a que «case todas as editoriais están relacionadas coa igrexa católica». Na mellor das materias o persoeiro feminino chegaba ao 18%, mentres que nas de ciencias caía a cifras ridículas, chegando ao 1% na de tecnoloxía.
Desde que se xubilou, Verdejo colabora co Centro de documentación e recursos feministas de Vigo, situado na biblioteca pública Juan Compañel, onde imparte o obradoiro Wikimulleres, unha iniciativa necesaria que persegue documentar, crear, traducir e editar contidos na Wikipedia desde a perspectiva de xénero, contribuíndo así a corrixir a enorme imparcialidade que existe na enciclopedia virtual máis consultada do mundo.
Inspirando xeracións futuras
Anaír Rodríguez traballa como editora, escritora, e tradutora, centrando estes eidos na literatura infantil e xuvenil. Compaxina estes labores coa asociación Espazo Lectura, da que é socia fundadora, onde se realizan actividades para divulgar, formar, fomentar e sensibilizar na lectura en lingua galega na zona do Val Miñor. Upar o libro como elemento socializador e referente do benestar social, indispensable para elevar o nivel educativo e a conciencia crítica.
A primeira edición de Pioneiras. Galegas que abriron camiño viu a luz hai dous anos. Na actualidade vai xa pola quinta tiraxe, o que demostra a demanda que existe por unha obra como esta, creada pola viguesa un ano atrás. «En 2017 a miña filla tiña cinco anos, idade á que as persoas empezamos a percibir o peso dos estereotipos de xénero dunha maneira incosciente, polo que eu estaba preocupada pola falta de referentes femininos que había no material audiovisual e nos contos que ela consumía», conta Rodríguez.
Deste xeito nace Pioneiras, unha recompilación de mulleres galegas de diferentes épocas e ámbitos sociais, revolucionarias nos seus respectivos campos, que abriron camiños para o futuro. O primeiro tomo foi ilustrado por Nuria Díaz e o segundo pola viguesa Abi Castillo. Nas páxinas destes libros atopamos, entre moitas outras, a Isabel Zendal, primeira enfermeira en misión internacional; Elisa Patiño, primeira aeronauta; Ángeles Alvariño, primeira científica nun buque de investigación internacional; Manuela Barreiro, primeira licenciada universitaria; Olimpia Valencia, a primeira doutora ou a xa amentada Antonia Ferrín.
Segundo a autora, «o descoñecemento que temos destas mulleres é debido a que nunca se lles prestou atención nin foron tratadas da mesma forma que os seus colegas varóns» e igual que Verdejo, fai fincapé na escasa presenza outorgada nos libros de texto ou nos medios de comunicación.
A primeira doutora con consulta propia
Seguindo con outra das pioneiras da listaxe de enriba, a xornalista Ana Fuentes presentou hai dous anos a biografía Olimpia Valencia. Ocho décadas de historia desde los ojos de una pionera, publicada polo Instituto de Estudos Vigueses. Que o seu primeiro libro sexa sobre Valencia era para a autora «unha elección obrigada, xa que esta muller era curmá da miña avoa e sempre foi unha historia familiar que me impresionou».
Ao longo de moitos anos foi recompilando toda a información que atopaba ao respecto, construíndo un potente arquivo que colleu forma cando caeu na conta de que en 2019 sería o centenario do ingreso de Olimpia na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, sendo a primeira muller galega en conseguilo.
A vida de Olimpia Valencia é apaixonante. Pouco despois de mudarse de Baltar a Vigo aos 12 anos, decidiu estudar Maxisterio, unha das poucas carreiras ben vistas para as mulleres, pero finalmente foi quen de entrar en Medicina, a pesar de todas as dificultades. Foi empurrada a especializarse en xinecoloxía, iso si, cun expediente de 23 sobresaíntes e 18 matrículas de honra. Doutorouse en Madrid e ampliou os estudos en Suíza e Francia. Abriu a súa propia clínica na rúa do Príncipe. En febreiro de 1937 foi detida, chegando a pasar catro días no cuartel da Garda Civil, acusada de manter unha ideoloxía galeguista e de esquerdas.
«A de Olimpia é a historia dunha muller valente e audaz, única na súa época», proclama a autora, quen pensa que temos unha débeda histórica con todas estas mulleres esquecidas. Na súa opinión, a sociedade si que está interesada na ciencia, mais depende moito de como se conte: «A través dunha boa divulgación, con mensaxes que poidan chegar ao gran público, a cidadanía recibe moi ben este tipo de contidos».
Pablo Vázquez
Redactor
[Esta reportaxe foi publicada na revista A Movida de marzo 2021 . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres apoiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024